O BNG desprega unha grande faixa no Castro en solidariedade coas persoas refuxiadas
_Un acto simbólico de denuncia da política de vergoña da Unión Europea.
VIGO 16 de abril de 2016.- O BNG de Vigo despregou ás 12h desta mañá na ladeira do monte do Castro unha faixa de grandes dimensións co lema Galiza c@s refuxiad@s, non á guerra. O acto encádrase nunha acción nacional impulsada polo Bloque para rexeitar a política vergoñenta da UE en relación á crise das refuxiadas.Ademais de en Vigo o despregue de faixas realizouse de maneira simultánea en diferentes lugares emblemáticos do país como a Torre de Hércules na Coruña, a muralla de Lugo, a catedral de Santiago ou as burgas de Ourense.
No acto simbólico decorrido nas escaleiras do monte do Castro, participaron varias ducias de persoas que portaban cartaces con mensaxes de crítica e denuncia. Negar o asilo é un acto criminal, abrir as fronteiras aos dereitos humanos, OTAN culpábel, UE cómplice, Non ás guerras imperialistas!, acollamos refuxiadas en lugar de rescatar bancos, paz e xustiza, a hipocrisía mata, UErgoña ou ningún ser humano é ilegal foron algunhas das mensaxes lanzadas.
Ao remate tomaron a palabra o responsábel local do BNG, Serafín Otero, e a voceira da fronte nacionalista en Bruxelas, Ana Miranda, dando lectura ao manifesto nacional, no que entre outras cuestións se exixía a ruptura do acordo asinado entre a UE e Turquía.
[Imaxes cedidas por Ernesto Ilkerman]