O BNG reclama ao goberno local que negocie con Vitrasa para que non aplique a subida do IVE
O portavoz municipal nacionalista, Santi Domínguez, destacou este martes que o BNG asume como propia a proposta da Federación Veciñal para que Vitrasa non aplique a subida do IVE. Segundo explicou, e tal e como o Bloque fixo a respecto da taxa do lixo, remitirá unha carta ao alcalde para que negocie coa concesionaria de transporte público de Vigo e non repercuta o aumento do imposto ata polo menos o 1 de xaneiro.
Pedirlle a Vitrasa que faga este esforzo económico non é pedirlle nada do outro mundo, posto que é algo que xa anunciaron outros colectivos como o do taxi, comentou Santi Domínguez, que lembrou que xa en decembro de 2011 o BNG se opuxo a que o goberno local aumentara unilaterlamente o billete do autobús urbano debido a grave situación económica pola que atravesan moitas familias da cidade.
O nacionalista sustentou esta proposta no feito de que Vitrasa é a empresa concesionaria do transporte público vigués por 25 anos (que rematan no 2019), con beneficios importantes e sen riscos. Ao seu xuízo, é hora de que o Concello non faga ese esforzo e sexa Vitrasa quen faga o sacrificio polos vigueses e viguesas.
Dificultades económicas
Santi Domínguez apuntou que co aumento do prezo dos carburantes decrece a utilización dos vehículos, polo que o transporte público é o que ten que asumir aos usuarios e usuarias con dificultades económicas. Pensamos que non hai razóns obxectivas para que Vitrasa non asuma a suba do IVE nin tampouco para que o goberno local llo esixa, considerou.
Expresou, por outra banda, a súa confianza en que o alcalde recolla esta iniciativa con tanta celeridade como recolleu a proposta de non cobrar sobrecargo ás persoas que non efectuaron a tempo o pago do recibo do lixo por mor dos retrasos nos repartos de Correos a causa da folga.