O BNG critica a falta de argumentos técnicos do Porto para rexeitar as alegacións nacionalistas
O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, e o deputado Henrique Viéitez, valoraron este venres a resposta remitida pola Autoridade Portuaria de Vigo ás alegacións presentadas polo Bloque ao proxecto de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios. Os nacionalistas criticaron a ausencia de argumentos técnicos e a falta de diálogo na desestimación das alegacións, entre as que se atopa a negativa a desafectar o pavillón e o campo de fútbol de Bouzas así como o túnel de Beiramar, polo que o Concello de Vigo terá que seguir aboando o canon.
Santi Domínguez criticou á Autoridade Portuaria pola seu escaso interese por abordar en profundidade as cuestións planteadas polo BNG. Explicou que das 12 alegacións presentadas só foron aceptadas parcialmente 2, relacionadas co respecto á toponimia, da que se informa favorablemente a estimación parcial da alegación, e a necesidade de manter máis superficie para a construción e reparación naval na área de Bouzas.
Despachadas en 5 folios
En 5 folios o Porto resolve a resposta, dos que a metade son utilizados para enunciar as nosas alegacións, sinalou. Para o nacionalista é lamentable que non se esgrima ningunha razón técnica para rexeitar as propostas nacionalistas e que pola contra só se fan xuízos de valor. Asegurou que o BNG tamén bota de menos vontade de consenso e que o presidente do Porto convoque a terceira forza política da cidade para explicar por que non se aceptan as alegacións.
Segundo asegurou o portavoz municipal do BNG, o documento de delimitación de espazos e usos portuarios non concreta nada sobre as actividades do noso Porto e insiste nun futuro pouco planificado. Ademais, subliñou que supón un paso atrás, polo que no caso de ter que ser corroborado polo Concello de Vigo, o grupo municipal do BNG votará en contra.
Evitar especulacións
Henrique Viéitez, por outro lado, explicou varios dos aspectos rexeitados polo Porto, entre os que fixo fincapé en que non recoñece á Plisan como dominio portuario, algo que ao Bloque lle parece fundamental para evitar posibles negocios especuladores. Ademais de criticar a deturpación da toponimia que leva a cabo a Autoridade Portuaria viguesa nos seus documentos, o deputado nacionalista tamén sinalou que esta entidade non considera pertinente a alegación nacionalista contra os posibles recheos, polo que entende que deixa a porta aberta.
Reparación naval
Sobre o espazo destinado á construción e a reparación naval, Viéitez tamén alertou de que pese ao informe favorable do Porto, non quedan totalmente garantidos os 130.000 metros cadrados que o BNG considera indispensables. Pola súa banda, e a respecto do pavillón e o campo de fútbol de Bouzas e o túnel de Beiramar, criticou que o Porto se contente con denominalos espazos de interacción porto-concello. Non se trata de negociar o canos, senón de que eses espazos volvan ao Concello, defenderon os nacionalistas.
Intermodalidade
Henrique Viéitez tamén criticou que Porto non contemple a intermodalidade e a conexión ferroviaria con Bouzas e que resolva as alegacións ao respecto dicinto que non ten razóns de ser. As nosas alegacións foron presentadas co criterio do diálogo e entendemos que mellorarían en moito o documento do Porto, subliñou o deputado.