O BNG urxe á Xunta a presentar un proxecto concreto para os novos xulgados de Vigo

Carme Adán e Serafín Otero, durante a rolda de prensa desta mañá
O BNG urxe á Xunta a presentar un proxecto concreto para os novos xulgados de Vigo

_Serafín Otero defendeu a urxencia de que os xulgados conten cunhas novas dependencias e exixiu que, en todo caso, se garanta o uso sociosanitario dos anexos I e II do antigo Hospital Xeral.

_A deputada Carme Adán presentou unha interpelación no Parlamento Galego para que a Xunte aclare se hai ou non un proxecto concreto e con que prazos.

Carme Adán e Serafín Otero, durante a rolda de prensa desta mañá

VIGO 28 de abril de 2016.- O BNG de Vigo reclamou hoxe que o Goberno galego concretice os seus plans para dotar aos xulgados da cidade dunhas novas dependencias. Nunha rolda de prensa decorrida esta mañá, na que participaron o responsábel local da fronte, Serafín Otero, e a deputada Carme Adán, o Bloque demandou transparencia e axilidade para un proxecto que xulgan de “urxente necesidade”.

“Desde o Goberno galego deben darse explicacións completas e claras a respecto de cal vai ser o futuro dos xulgados da cidade, presentando un proxecto concreto, con financiamento e prazos fixados, que debe ser sometido ao contraste cos axentes implicados e co conxunto da veciñanza, procurando o maior consenso posíbel”, defendeu Serafín Otero.

Interpelación

Con ese obxectivo a deputada nacionalista, Carme Adán, vén de presentar no Parlamento galego unha interpelación na que demanda ao executivo galego que explique cal é o proxecto concreto para o futuro dos xulgados de Vigo, con que prazos e cronograma e se se vai permitir a utilización para usos sociosanitarios os anexos I e II do Hospital Xeral, no caso de que os xulgados se trasladen a esa localización.

Mediante esta iniciativa o Bloque quer evitar que todo fique “en anuncios propagandísticos e papel mollado”. “O que precisamos non é un concurso de ideas, co que a Xunta pode seguir adiando a posta en marcha dos novos xulgados, senón un proxecto concreto, temporalizado e con financiamento” aseverou Serafín Otero.

Otero lembrou que os xulgados de Vigo “sofren desde hai demasiados anos un importante déficit dotacional e de infraestrutura, polas limitacións da súa actual sede”, circunstancia que ten incidido negativamente nos procesos xudiciais. Así o teñen manifestado tamén os e as representantes do persoal dos xulgados, con quen o BNG mantivo un encontro semanas atrás. “ As insuficiencias da actual sede limitan o seu desempeño, enlentecendo a marcha das causas e a atención á cidadanía” denuncian as nacionalistas.

Criterios

Diante da proposta da Xunta de apostar agora polo traslado das dependencias xudiciais ao edificio do antigo Hospital Xeral, Carme Adán denunciou que “todo este proceso tense realizado con opacidade e sen a necesaria interlocución cos axentes implicados, a principiar pola representación do persoal que traballa nos xulgados, axentes xurídicos, colexio de arquitectos, veciñanza da contorna, comerciantes e organizacións sanitarias, de cara a acordar os usos aos que se vaia destinar finalmente o Xeral e a compatibilidade entre estes”. Pola súa banda Serafín Otero, puxo en cuestión que vai facer o Concello cos terreos que expropiou hai poucos meses no ámbito do Chouzo, onde orixinalmente estaba prevista a Cidade da Xustiza.

O responsábel local do BNG explicou publicamente cales son os criterios que para a organización nacionalista debe cumrpir a nova sede xudicial, independentemnete da localización pola que finalmente se aposte. A este respecto apontou que as novas dependencias “deben resolver as insuficiencias dotacionais actuais e permitir o desenvolvemento futuro da sede, para atender as novas necesidades que poidan xurdir a medio e longo prazo”. Outro dos criterios fixados polas nacionalistas é que o proxecto “se execute coa máxima celeridade para dispormos duns novos xulgados canto antes”. Por derradeiro, para o Bloque é unha condición innegociábel que no caso de se trasladar ao Xeral se permita a utilización dos anexos I e II para usos de tipo sociosanitario, tal e como demandan diferentes colectivos como a plataforma SOS Sanidade Pública.

O BNG urxe á Xunta a presentar un proxecto concreto para os novos xulgados de Vigo