O Bloque chama a un 1º de maio masivo para evitar que Vigo se converta nun ‘ermo industrial’

O Bloque chama a un 1º de maio masivo para evitar que Vigo se converta nun ‘ermo industrial’

_Serafín Otero: “Ten que haber un xiro de 180º nas políticas económicas e laborais ou Vigo e a súa comarca afundirán”

_Propoñen a posta en marcha dun Programa urxente de reindustrialización sustentábel para Vigo e dun Plan de choque contra o desemprego xuvenil e feminino.

1maioVIGO 29 de abril de 2016.- O Bloque Nacionalista Galego de Vigo fai un chamamento a todos os e as traballadoras da cidade a se mobilizar este próximo 1º de maio, Día internacional da clase traballadora, co obxectivo de demandar unha mudanza completa nas políticas que evite que Vigo e a súa área se convertan nun “ermo industrial”. A fronte nacionalista apoia a manifestación convocada pola CIG, que sairá ás 12h desde a Doblada, na que participará con comitiva propia xunto a outras asembleas locais da comarca.

“Ten que haber un xiro de 180º nas políticas económicas e laborais ou Vigo e a súa comarca afundirán”, denuncia Serafín Otero, responsábel local do Bloque. A este respecto, sinalou que as reformas laborais aprobadas polo PSOE e o PP só contribuíron a aumentar a precariedade e o empobrecemento na cidade.

EPA

Para Otero os últimos datos recollidos pola EPA do último trimestre demostran que “as políticas antiobreiras do PP ademais de aumentar a precariedade e xeneralizar o empobrecemento condúcennos ao suicidio produtivo”. Así o visa, na súa opinión, o feito de que un trimestre máis a poboación ocupada na cidade continúe a descender. “En marzo había case 4 mil persoas menos traballando en Vigo que en decembro. Non só non se está a crear emprego senón que se continúan a destruír postos de traballo por milleiros”, manifestou.

A situación que atravesan as actividades industriais é especialmente preocupante para as nacionalistas. “Temos a industria metal atravesando moitas dificultades, a automoción a ralentí e o naval case en coma. Se a industria viguesa fose unha persoa tería que estar xa na UCI cun tratamento de choque”, alertou Otero. Nese sentido o BNG propón a posta en marcha dun Programa urxente de reindustrialización sustentábel para Vigo e dun Plan de choque contra o desemprego xuvenil e feminino, por seren os segmentos máis golpeados polo paro e a precariedade.

Otero amosouse tamén “moi preocupado” polo aumento da sinistralidade laboral que no último mes se cobrou a vida de dous traballadores na cidade. “É necesario que a Consellaría de Traballo se tome en serio a seguridade no traballo e que se reforce a Inspección para que actúe de verdade. Como se está a ver, por mágoa, é cuestión de vida ou morte”.

O Bloque chama a un 1º de maio masivo para evitar que Vigo se converta nun ‘ermo industrial’