O BNG recolle en Vigo material sanitario para o pobo palestino na campaña “Galiza con Gaza”

O BNG recolle en Vigo material sanitario para o pobo palestino na campaña “Galiza con Gaza”

Poderán entregarse medicamentos, vendas ou leite en pó de luns a venres en horario de mañá e tarde até o 10 de setembro

 

Vigo 1 de setembro.- O Bloque Nacionalista Galego anima a participar na campaña “Galiza con Gaza, mobilízate pola reconstrución e contra a agresión ao pobo palestino” que se está a celebrar en colaboración coa Asociación galaico-árabe Yenin-comunidade palestina e a Fundación Araguaney. O Bloque comunica que se pode entregar o material sanitario na sede comarcal do BNG en Vigo (rúa Celso Emilio Ferreiro nº 3 baixo) de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas de luns a venres até o 10 de setembro.

En concreto, nos locais do BNG estanse a recoller medicamentos e material sanitario como vendas, gasas, elementos para sutura e curas, material protésico, antibióticos, analxésicos, betadine, esparadrapo, luvas estériles, cueiros e leite en po, entre outras necesidades que trasladou a comunidade palestina.

Boicot aos produtos israelís

Por outro lado, o Bloque insta ao boicot aos produtos israelís, a través do rexeitamento daqueles que teñan etiquetas que indiquen esta procedencia, como son todas as que comezan cos números 729. Estas accións, xunto coa edición e distribución de material divulgativo, compleméntase coa mobilización social e cidadá nas rúas, nas redes sociais e en charlas para expresar a solidariedade co pobo palestino e denunciar o masacre que, de maneira reiterada, está a causar o Estado de Israel.

Esta última ofensiva tivo como resultado máis de 2.000 persoas asasinadas, máis de 10.000 feridas e a destrución de casas, escolas, edificios e infraestruturas. Este masacre continúa o proxecto de xenocidio do pobo palestino imposto polo Estado de Israel para afogar as súas lexítimas reivindicacións, nun contexto en que os gobernos occidentais miran para outro lado, cando non alimentan directamente un estado que incumpre reiteradamente a lexislación internacional.

“Palestina só precisa que se cumpra o seu dereito á autodeterminación e ao retorno despois da ocupación ilegal de territorios gañados, unha e outra vez, nunha prolongada guerra de agresión”, recolle o material divulgativo do BNG. “Con todo, o pobo palestino resiste e é moi importante que continúen o compromiso e a denuncia internacionais, ao tempo que precisa toda a nosa axuda para reconstruír as consecuencias da barbarie”, indícase na publicación editada ao abeiro da campaña “Galiza con Gaza”.

 

O BNG recolle en Vigo material sanitario para o pobo palestino na campaña “Galiza con Gaza”