TRANSPORTE
O BNG demanda que a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto en 75 minutos fique lista antes de 2020
_O deputado nacionalista, Luís Bará, presentou unha proposición non de lei no Parlamento de Galiza instando a Xunta a exixir do Goberno español que adopte as medidas necesarias para axilizar o proxecto prometido para 2013.
_Desde o BNG de Vigo xulgan que se trata dunha infraestrutura “vital e estratéxica” para a cidade olívica e a súa contorna metropolitana.
Dispor dunha conexión ferroviaria que una Vigo e a cidade portuguesa de Porto nun máximo de 75 minutos. Ese é o obxectivo da iniciativa que o BNG vén de presentar no parlamento de Galiza. A proposición formulada polo deputado nacionalista Luís Bará, denuncia os reiterados incumprimentos dos compromisos fixados e que estabelecían que esta conexión debera ser realidade na altura do ano 2013. Por iso demandan ao Goberno galego que adopte as medidas necesarias para asegurar a súa posta en marcha antes do ano 2020.
“O compromiso do actual goberno portugués pola modernización da vía contrasta coa ausencia de iniciativa do goberno español e o silencio cómplice da Xunta de Galiza. Malia os acordos acadados na cimeira ibérica de Baiona, en xuño de 2015, a realidade é que o goberno do Estado non impulsou ningunha actuación nin proxecto para modernizar o trazado e a liña que comunica Vigo coa fronteira portuguesa, cunha distancia de aproximadamente 30 quilómetros”, denuncia Bará. O deputado nacionalista demanda, no concreto, que se aprobe o proxecto da saída sur de Vigo e se inicie a súa construción, así como que se estude unha alternativa ao paso da vía férrea polo centro da vila do Porriño. Aliás, insta a que se complete a modernización, sinalización e electrificación da vía, “nunhas condicións homoxéneas a ambas as beiras do río Miño”, e a mellorar as condicións de seguranza do trazado e suprimir os pasos a nivel.
Conexión estratéxica
A iniciativa nacionalista propón que o Parlamento de Galiza mandate á Xunta para que este se dirixa ao Goberno español para reclamar estas medidas co obxectivo de lograr conectar Vigo e Porto en 75 minutos por tren antes do ano 2020.
En opinión do responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, trátase dunha “conexión estratéxica” para Vigo e a súa contorna metropolitana. Otero, denunciou que os sucesivos atrasos na súa posta en marcha son resultado da “falla de vontade e do nulo compromiso do Partido Popular con Vigo e a súa área”. “Conectar a nosa cidade cunha urbe tan importante como Porto suporía un salto moi importante na vertebración territorial e na cooperación na eurorexión Galiza-Norte de Portugal”, afirmou.