O Bloque defende en Vigo unha tarifa eléctrica galega como mellor maneira de combater a pobreza enerxética
O candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, denuncia que na cidade hai 18.500 fogares en situación de pobreza enerxética e que as axudas sociais municipais son “absolutamente insuficientes”.
O deputado no Parlamento galego, Luís Bará, defendeu a necesidade de que Galiza poña baixo contro público a enerxía que se xenera no noso país para a colocar “ao servizo do pobo galego”.
A campaña do BNG contra o “espolio e a estafa eléctrica” coa que a formación nacionalista está a reclamar desde hai varias semanas unha rebaixa do recibo eléctrico, continúa a súa marcha e tivo esta mañá unha nova parada na cidade de Vigo. Cun acto público diante do mercado do Calvario, no que tomaron a palabra o candidato do Bloque á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, volveron chamar á cidadanía a participar na recollida de sinaturas que a fronte nacionalista pretende presentar no parlamento para exixir que “o conxunto do pobo galego se beneficie da enerxía que se xera en Galiza”.
Neste sentido, Bará volveu incidir non “sen sentido” de que un territorio que é “produtor neto e exportador de enerxía, como Galiza, teñamos que pagar un dos recibos eléctricos máis caros do Estado”. Unha factura que aumentou o seu custa por volta dun 30% desde o ano 2010 e que sufrirá novas subas nas vindeiras semanas.
Na mesa instalada fronte ao mercado volveron a recollerse varios centos de sinaturas, exixindo unha tarifa eléctrica galega, a supresión dos suplementos territoriais que grava a factura eléctrica, a redución do IVE que se lle aplica ao subministro eléctrico do 21% ao 4%. Aliás, na campaña promovida pola formación nacionalista demándase que non se permita o corte do subministro ás persoas que por razóns económicas non poidan pagar e a a creación dunha empresa pública galega que integre os encoros que remataron o período de concesión para "socializar" os rendementos económicos.
Pobreza enerxética en Vigo
Pola súa banda, Pérez Igrexas puxo a énfase en chave local denunciando que na mesma cidade “que agora deslumbra co alumeado de nadal seguimos a ter 18.500 fogares en situación de pobreza enerxética”. O candidato nacionalista volveu demandar un “aumento susbtancial” das axudas sociais municipais. “Non pode ser que nun Concello con 258 millóns de euros de orzamento, a única axuda que reciben as moitas familias que non poden pagar a factura da luz sexa que o Concello asuma un ou dous recibos durante todo o ano”, enfatizou. Ademais, volveu poñer o foco nas “1.100 persoas que ficaron sen o chamado cheque social este mesmo ano”.
O candidato nacionalista ás vindeiras eleccións municipais, insistiu na necesidade dunha reforma que deixe de facer dun “ben público esencial como a electricidade unha mercadoría para lucro privado”, e defendeu que “a mellor maneira de combater a pobreza enerxética é cunha tarifa eléctrica galega que abarate a factura”.
Igrexas defendeu a creación dunha Oficina municipal de asesoramento enerxético, como instrumento para que Concello de Vigo "se poña do lado da veciñanza fronte os abusos das grandes empresas eléctricas", ofrecendo asesoramento e apoio, tamén a nivel legal, e orientando á cidadanía para poder beneficiarse de fórmulas que abaraten o seu recibo eléctrico.