Xabier P. Igrexas: “A Ordenación Provisional é un parche e unha trampa urbanística. O que precisa Vigo é un novo PXOM co máximo consenso”
- O BNG votou en contra da aprobación definitiva do Instrumento de Ordenación Provisional denunciando as “inseguridade xurídica e a incerteza urbanística que xenera”.
- A concelleiro nacionalista lembrou que o propio Xerente de Urbanismo declarou publicamente que os prazos que condicionan a vixencia da Ordenación Provisional “son imposíbeis”.
- O Bloque demandou que o Goberno asuma a serio a elaboración dun novo PXOM “con participación e transparencia e non coa opacidade actual” e denunciou os 4 anos perdidos desde a anulación xudicial do Plan do 2008.
O BNG votou en contra da aprobación definitiva do Insturmento de Ordenación Provisional, elaborado polo Goberno municipal ao abeiro dunha lei impulsada polo PP no Parlamento galego. O concelleiro Xabier P. Igrexas sintetizou os seus argumentos para oporse asegurando que “a ordenación provisional é un parche e unha trampa urbanística”.
No concreto, Igrexas, denunciou a inseguridade xurídica que envolve o instrumento por causa dos evidentes defectos no proceso de notificación ás persoas afectadas e que puido conculcar o seu dereito a presentar alegacións. Aliás, o edil nacionalista subliñou que a Ordenación Provisional provocará unha situación de “incerteza urbanística”, toda vez a súa vixencia está condicionada por lei a que o Goberno elabore o borrador do PXOM no prazo de doce meses e o aprobe inicialmente en dous anos. A este respeito, Igrexas, citou -mostrando copia dun recorte de prensa- unhas declaracións públicas feitas polo actual Xerente de Urbanismo nun acto o pasado mes de novembro, nas que Hernández aseguraba que eses prazos eran “imposíbeis” (sic). O incumprimento de calquera deses prazos provocará que o instrumento hoxe aprobado, cos votos de PSOE e PP, quede sen efecto “devolvéndonos á casilla de saída do PXOU do 93”, advertiu o concelleiro.
Novo PXOM
A fronte nacionalista puxo o foco en que a Ordenación Provisional non resolve o problema de fondo que é que a cidade non dispoña dun PXOM após ser anulado hai case catro anos o plan do 2008. Neste sentido, Igrexas reclamou ao Goberno municipal que asuma a serio a elaboración do novo plan demandando que a mesma sexa “con participación da veciñanza e dos colectivos sociais e con plena transparencia”. “Aprendamos como cidade da experiencia do plan anulado” chamou o portavoz nacionalista, demandando que o novo planeamento procure o “máximo consenso veciñal, social e político”.
“O BNG dixemos desde o primeiro momento que a anulación do PXOM de 2008 creaba un problema grave pero que era tamén unha oportunidade política”, explicou Igrexas. “Unha oportunidade para avanzarmos con consenso cara a un PXOM que coloque o urbanismo ao servizo da veciñanza e da cidade, e non da especulación”, acrecentou. O Bloque bosquexou os criterios que entenden deben definir o novo plan aludindo a que se racionalice o crecemento da cidade e a que se aposte por unha cidade máis habitábel, con mellores servizos e infraestruturas, e máis sustentábel, “aumentando a protección ambiental do noso monte en man común e do noso litoral”.
Apenas 3 minutos
A participación do BNG no debate plenario estivo fanada pola decisión da presidencia do Pleno, exercida por Carmela Silva, de reducir o tempo de intervención do portavoz do BNG, alegando a súa condición de “concelleiro non adscrito” (por decisión da alcaldía), a apenas tres minutos cando o resto de forzas políticas puideron falar dez minutos. Emporiso, Igrexas comezou “lamentando que a presidencia aplique un recorte do 70% no tempo de intervención do BNG no Pleno”. “Sobráronme cinco segundos” rematou ironizando a súa quenda o edil nacionalista.