Xabier P. Igrexas: “A acción do Goberno municipal de Vigo raia na estafa política: promete e anuncia pero non fai”
O concelleiro do BNG de Vigo advirte no Pleno da “baixísima execución orzamentaria” do Concello, con seis de cada dez euros do presuposto municipal sen executar a falta dun trimestre para o remate do ano.
A moción presentada pola fronte nacionalista para estabelecer un Plan de Promoción da Lectura e unha rede municipal de bibliotecas foi rexeitada polos votos do grupo socialista.
VIGO, 27 de outubro 2021.- O Bloque Nacionalista Galego criticou a “baixísima execución orzamentaria” do Goberno municipal de Vigo, con seis de cada dez euros do presuposto da cidade sen executar a falta dun trimestre para o remate do ano. “A acción deste Goberno municipal raia perigosamente na estafa política: promete, anuncia e publicita pero non fai”, denunciou o concelleiro do BNG na cidade, Xabier P. Igrexas, este mércores durante a celebración do Pleno municipal.
A fronte nacionalista advertiu nese sentido de que só foron executados a día de hoxe o 15% dos investimentos previsros, que ascendían este ano a 106 millóns de euros. Entre eles, chamou a atención sobre 34 proxectos de humanización nos que aínda non se executou nin comprometeu un só euro. “O seu é un goberno de propaganda e autobombo. Nunca un Goberno municipal dispuxo de tantos recursos na historia da cidade e fixo tan pouco”, dixo Igrexas, que engadiu que moitas destas partidas “aparecen unha e outra vez nas contas de cada ano”.
Destacou algúns dos incumprimentos que, en opinión o BNG, demostran a falla de xestión do actual goberno e a desantención das necesidades reais dos barrios e parroquias de Vigo. “Nunha cidade onde temos colas da fame, con 60.000 personas en risco de exclusión social, este Goberno municipal permítese o luxo de ter sen executar nin un só euro da partida de máis de medio millón para axudas de alugueiro, vivenda e alimentación”, censurou o concelleiro nacionalista.
“O seu é un goberno de propaganda e autobombo. Nunca un Goberno municipal dispuxo de tantos recursos na historia da cidade e fixo tan pouco”, denunciou o concelleiro do BNG de Vigo.
Tamén se referiu os distintos plans de emprego que, sumados todos, “son menos do que gastan no Nadal ou do que queren destinar a subvecionar aeroliñas privadas”. Igrexas criticou que só unha quinta parte das partidas foron executadas no que vai de ano, malia ter a cidade 20.000 persoas desempregadas e contar con 10.500 postos de traballo menos dos existentes en 2009.
Rexeitamento do Plan de Promoción da Lectura
Outro dos puntos importantes para o BNG no pleno que decorreu este mércores era a proposta para a posta en marcha dun Plan de Promoción da Lectura. "A lectura é a porta de entrada á cultura e as bibliotecas son un potente instrumento para democratizar o seu acceso ás clases populares e traballadoras", defendeu Igrexas, que solicitou crear unha rede municipal cun mínimo de 20 bibliotecas públicas nos barrios e parroquias para atender as ratios recomendadas polos organismos internacionais.
Neste sentido, as nacionalistas reclamaron tamén a execución canto antes do proxecto de nova biblioteca en Teis, esixindo que se garanta que terá os medios materiais e humanos necesarios para contar con plenos servizos bibliotecarios, como demanda a veciñanza do barrio que rexeita a posibilidade dun sala de lectura.
Igrexas recordou que a última biblioteca pública aberta na cidade foi impulsada pola fronte nacionalista no ano 2011, e desde ese momento o Goberno municipal só abriu tres salas de lectura. Porén, a moción do BNG foi rexeitada polos votos do grupo socialista, con maioría na cámara municipal, e pese a ter o apoio do resto da oposición.
Na quenda de rogos, o concelleiro do BNG de Vigo urxiu a que a Oficina Municipal do Consumidor reclame a resolución dos atrasos “inxustificados” na emisión de facturas por parte de compañías enerxéticas, que penalizan desta forma á veciñanza da cidade ao acumular importes elevados.
Preguntou tamén cando se vai acometer un plan integral para mellorar os accesos do Ifevi, toda conta dos atoamentos habituais cando hai unha afluencia importante ao recinto feiral.