PONTÓN CUALIFICA DE “NEFASTA E INCOMPETENTE” A XESTIÓN DA XUNTA E ANUNCIA QUE O BNG PEDIRÁ QUE COMPAREZA O GOBERNO NO PARLAMENTO GALEGO PARA DAR EXPLICACIÓNS DA FALTA DE CONTROL NA SOBREVENDA DE BILLETES 

BNG responsabiliza a Xunta do caos en Cíes e pide xestión pública do transporte

Ana Pontón acompañada de membros do BNG de Vigo na Estación Marítima
Ana Pontón acompañada de membros do BNG de Vigo na Estación Marítima

 Serafín Otero lamentou a imaxe que se está a trasladar da cidade de Vigo e reiterou que a Xunta é responsable da “catastrófica xestión na venda de billetes”

BNG responsabiliza a Xunta do caos en Cíes e pide xestión pública do transporte

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón responsabilizou hoxe á Xunta de Galiza da crise producida en Vigo pola sobrevenda de billetes ás Illas Cíes. As Illas Cíes, dixo, “non son Benidorm e Feijóo nos últimos anos danou gravemente a imaxe de Cíes, Vigo e Galiza poñendo en cuestión o funcionamento dun parque natural de inmenso valor ecolóxico, cultural e emocional”.

A nacionalista, que visitou hoxe a Estación marítima de Vigo acompañada do responsable e portavoz local  do BNG, Serafín Otero e membros do BNG, responsabilizou á Xunta de “falta de control na venda de billetes e  permitir que a burbulla das Cíes crecera desmesuradamente para acabar estoupando” como aconteceu estes días.

Para a portavoz do BNG, antes de que finalice o mes de agosto, “a Xunta debe comparecer no Parlamento para asumir a súa responsabilidade nesta crise”.

Pola súa parte, o responsable local do BNG, Serafín Otero lamentou a imaxe que se está a trasladar da cidade de Vigo e reiterou que a Xunta é responsable da “catastrófica xestión na venda de billetes” cando contaba con información suficiente sobre o número de visitantes que xa duplicaban o número establecido. Dende o BNG non aceptamos ampliar o cupo de visitas, queremos “ampliar os días e que as navieiras non segan utilizando  as Cíes exclusivamente como un negocio”.

Otero criticou o enfrontamento entre o goberno vigués e a Xunta nalgúns proxectos importantes para a cidadanía de Vigo e lembrou que xa existe a solicitude para declarar as Illas Cíes ante a Unesco como Patrimonio da Humanidade e eses enfrontamentos, dixo,   e o caos dos últimos días non axudan a acadar un “turismo sostible e de calidade”.

Por outra parte, Pontón anunciou que fronte a “inoperancia da Xunta” o BNG propón poñer en marcha medidas a curto prazo entre as que destacou: “un protocolo de vixilancia das visitas e  un único billete obrigatorio  para todas as navieiras co fin de evitar a venda  de máis billetes dos establecidos”.

Pontón asegurou que o acontecido cos billetes ás Illas Cíes evidencia “o fracaso da privatización” do transporte de ría polo que a Xunta debe dar un paso adiante cara a creación dunha “compañía pública” que xestione as visitas a Cíes e Ons e ofreza un servizo público á altura das necesidades dos usuarios e usuarias”. Esta medida, engadiu, “restablecería a xestión competente do Parque Nacional das Illas Atlánticas e aportaría beneficios para todos os veciños e veciñas de ambos lados da Ría de Vigo”.

Asemade, Pontón considerou que ante a crise de Cíes, a Xunta sobreactuou para evitar que se evidencie a súa “incompetencia” durante anos e mesmo apelando  á Fiscalía para que actúe. En opinión da portavoz do BNG, a que debe actuar é a Fiscalía de Medio Ambiente para investigar a responsabilidade da Xunta e a súa “indolencia e desleixo”. A Xunta non pode escudarse en responsabilizar ás empresas que xestionan os barcos porque a xestión do Parque natural de Cíes é “a súa responsabilidade e gustaríanos que a Fiscalía de oficio analizara si existe responsabilidade de tipo penal no incumprimento da normativa e por mirar para outro lado nesta crise”.

 

BNG responsabiliza a Xunta do caos en Cíes e pide xestión pública do transporte