REITERAMOS A DEMANDA Á XUNTA PARA QUE INTERVEÑA E GARANTA O CUMPRIMENTO DE TODAS AS MEDIDAS DE SEGURIDADE LABORAL
Esiximos que se garantan todas as medidas de seguridade na ampliación da ponte e lembramos as denuncias polas condicións de explotación nesta obra
Representantes dos traballadores xa denunciaron publicamente as condicións laborais e de risco nas que se estaban executando os traballos de ampliación de Rande, sen que desde a Administración se tomasen ningunha medida pese a ser a contratista da obra.
O BNG transmite o seu pesar e a súa solidariedade coa familia do traballador falecido nas obras da ponte de Rande nestes momento tan duros e difíciles polo tráxico accidente, e expresa o seu apoio a todo o persoal que participa directamente a pé de obra na ampliación desta infraestrutura.
A formación nacionalista tamén reitera a súa demanda á Xunta para que interveña e garanta o cumprimento de todas as medidas de seguridade laboral e lembra que, como denunciaron tanto o cadro de persoal como o sindicato CIG, as obras estanse levando a cabo nunhas condicións de “explotación” nas que os operarios están sendo obrigados a facer xornadas de ata 12 horas nunhas circunstancias de enorme perigosidade e a cambio de salarios que, segundo as denuncias laborais, están por debaixo do convenio do sector.
O deputado por Pontevedra e portavoz de infraestruturas, Luís Bará, salienta que os representantes dos traballadores xa denunciaron publicamente as condicións laborais e de risco nas que se estaban executando os traballos de ampliación de Rande, sen que desde a Administración se tomasen ningunha medida pese a ser a contratista da obra. Ante a inacción da Xunta, o BNG trasladou ao Parlamento as denuncias e demandas sindicais e laborais, presentando unha proposición non de lei que o propio Bará defenderá na Comisión segunda do Parlamento o xoves da vindeira semana.