O BNG propón no Parlamento unha estratexia conxunta a prol do porto

IMG_20170623_105002
Luis Bará

A fronte nacionalista demanda unha actuación coordinada entre Xunta de Galiza, Goberno español e Concello de Vigo para relanzar o porto como motor económico e de emprego.

O BNG propón no Parlamento unha estratexia conxunta a prol do porto

A comisión segunda do Parlamento de Galiza debateu no dia de onte a iniciativa presentada polo deputado nacionalista, Luís Bará, a respeito da situación do porto de Vigo. Bará, expresou a preocupación pola baixada de tráfico de mercadorías, que afecta de maneira especial á pesca conxelada (descenso de máis do 6% en 2016 con respecto ao 2015). O representante do BNG solicitou que se mellore o funcionamento do PIF, xa que actualmente estase producindo o desvío de descargas ao porto de Leixoes.

O representante do BNG tamén amosou a súa inquedanza pola redución de actividade no peirao de transatlánticos, no que as escalas de cruceiros se reduciron á metade desde o ano 2007 ao 2016. A iniciativa da fronte nacionalista enfatizaba a necesidade dunha estratexia conxunta das distintas administracións (Xunta, Goberno español e Concello) co obxectivo de relanzar o porto de Vigo como “motor económico e pólo xerador de emprego e riqueza”. O deputado nacionalista reiterou tamén a demanda histórica do BNG sobre a necesidade da transferencia a Galiza dos portos de interese xeral.

Bará, incidiu na necesidade de axilizar a tramitación da PLISAN, para resolver a carencia de espazos na zona portuaria e ofrecer terreo suficiente e competitivo para a instalación de grandes proxectos industriais que na actualidade optan por instalarse no norte de Portugal. Neste sentido, considerou de vital importancia “a integración dos portos galegos no corredor ferroviario atlántico e a conexión directa por ferrocarril co porto seco da PLISAN”.

Emprego

Pola súa banda, o responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, salientou a importancia de “poñer en marcha as inmensas capacidades produtivas que ten o porto de Vigo” para enfrontar a situación de “emerxencia social e laboral” que padece a cidade. Otero, expresou a enorme preocupación da fronte nacionalista cando en pleno mes de xuño, malia o efecto da tempada de verán, na cidade olívica continúa a haber “25 mil persoas sen emprego”, facéndose eco dos datos do paro rexistrado publicados onte.

O BNG propón no Parlamento unha estratexia conxunta a prol do porto