DEMANDAMOS UN PROGRAMA DE VIVENDAS DE EMERXENCIA E DE ALUGUEIRO SOCIAL
Humanizar a cidade tamén debe ser impedir que ningunha persoa quede sen vivenda
O candidato do BNG á alcaldía de Vigo urxe a que Concello de Vigo, en colaboración coa Xunta de Galiza, poña en marcha un programa de vivendas de emerxencia e de alugueiro social.
Desde o Bloque propoñemos que o Concello negocie co Goberno español a cesión dos pisos baleiros da Sareb e dos bancos que foron rescatados con diñeiro público.
“Temos un goberno municipal que se gaba de humanizar Vigo, pero hai que lembrarlle que humanizar a cidade é tamén evitar que ningunha persoa quede sen teito por non ter recursos”. Desta maneira, o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, urxiu o Concello de Vigo a actuar diante do grave problema da vivenda que se está a rexistrar na cidade. Igrexas lembrou que Vigo, segundo datos oficiais, ten a máis de 61 mil persoas en risco de pobreza e exclusión e que na cidade hai 23 mil persoas desempregadas.
Para o candidato nacionalista a resposta ofrecida por Concello e Xunta de Galiza ao desafiuzamento dunha familia na rúa Aragón “dá a medida do seu compromiso social: cero”. A este respeito, Pérez Igrexas cualificou de “indecente” que a única alternativa dada á familia afectada por parte do Concelllo sexa asumir os custes dun novo alugueiro só durante un mes, e que por parte da Xunta só se ofrezan inmóbeis lonxe da cidade. “Vemos como mesmo cando falamos da posibilidade real de que unha familia quede sen casa, PSOE e PP non teñen escrúpulos en seguir a utilizar as institucións na súa lea partidista, botando as culpas uns aos outros, en troca de cooperar na procura de solucións”, reprochou Igrexas.
A fronte nacionalista volveu demandar ao Concello de Vigo que impulse a posta en marcha dun programa de vivendas de emerxencia e de alugueiro social na cidade. Iniciativa para a que o Bloque demanda tamén a colaboración e implicación activa da Xunta de Galiza. Neste sentido, Igrexas lamentou que en plena crise o goberno de Abel Caballero tivera decidido malvender as 40 vivendas municipais da rúa República Arxentina en lugar de as poñer a disposición das familias sen recursos. No concreto, como primeira medida o Bloque propón que o Concello negocie co goberno do Estado a cesión dos inmóbeis baleiros dos que son titulares tanto a Sareb como os bancos que foron rescatados a cargo de diñeiro público, nunha cidade na que, lembra, hai máis de 18 mil vivendas desocupadas.
Prioridades
Para o candidato do BNG a falla de política social en Vigo, tanto por parte do Concello como da Xunta é xa “insoportábel” nun contexto de “emerxencia social”. “Se temos 1,5 millóns de euros para luces de nadal, ou 35 millóns de euros para rescatar unha operación ruinosa como a do Auditorio Mar de Vigo, non ten xustificación non poñer todos os recursos que sexan necesarios para asegurar un teito no que vivir ás familias que o necesitan”, enfatizou. Aludindo ao Goberno galego, Igrexas exixiulle que “deixe de utilizar o seu enfrontamento con Abel Caballero como coartada para non exercer as súas competencias e manter abandonada a principal cidade do País”.