POR UNS ORZAMENTOS QUE DESTINEN OS RECURSOS A ATENDER AS NECESIDADES REAIS DAS VIGUESAS E VIGUESES

Vigo non merece uns orzamentos municipais que priorizan as inauguracións sobre as persoas

bembrive

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo rexeita a proposta de orzamentos municipais, que cualifica de “propagandísticos e electoralistas” e demanda unhas contas públicas que destinen os recursos a atender as “necesidades reais das viguesas e dos vigueses”.

Vigo non merece uns orzamentos municipais que priorizan as inauguracións sobre as persoas

O BNG de Vigo rexeita a proposta de orzamentos municipais para o vindeiro exercicio 2019 que será debatida na próxima sesión plenaria. O candidato nacionalista á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, reclamou unha “mudanza radical” das contas públicas para o próximo ano para que “deixen de priorizar as inauguracións sobre as persoas”. “

Vigo non merece estes orzamentos, as viguesas e os vigueses merecen que os 258 millóns de euros que xestiona o Concello se dediquen a atender os problemas reais da veciñanza e a resolver as necesidades dos nosos barrios e parroquias”, reclamou Igrexas. “Nunha cidade con case 24 mil persoas desempregadas, cando temos hoxe 9.400 postos de traballo menos que en 2009, é inxustificábel que o PSOE non aumente nin un céntimo de euro o orzamento do Plan Municipal de Emprego. Ou que con 61.000 persoas en risco de pobreza e máis de 1.1000 viguesas e vigueses que quedaron sen cheque social este ano, a partida continúe conxelada”, exemplificou o candidato nacionalista.

En relación ao capítulo de investimentos, Igrexas demandou un “moito maior esforzo por atender os barrios e as parroquias que son as grandes esquecidas”, e tamén que se faga unha aposta por orientar o investimento “para crear e ampliar servizos e non só para losetas e cemento”. Neste sentido, denunciou que non se teña previsto poñer en marcha ningunha nova escola infantil municipal a pesar de que “dúas de cada tres solicitudes quedan sen praza pola insuficiencia da rede actual”. A falla de compromiso coa cultura e co deporte, para alén de anuncios con grandes cifras, suporá, en opinión de Igrexas, “seguir facendo que en dous ámbitos nos que Vigo chegou a ser referencial continúen a ser unha caricatura do que foron”.

Botan tamén en falta un maior investimento en políticas de igualdade. A fronte nacionalista anunciou que xa está a traballar, en estreita colaboración con entidades e colectivos sociais, as propostas de alegacións que presentarán aos orzamentos antes da súa aprobación definitiva. “A diferenza dun Goberno xordo que volve presentar uns orzamentos que só representan a un partido político, nós seguiremos a escoitar a veciñanza e os movementos sociais”, defenden.

Vigo non merece uns orzamentos municipais que priorizan as inauguracións sobre as persoas