Xabier P. Igrexas: “As políticas do PP fixeron de Vigo a ‘zona cero’ da desfeita sanitaria”

_DSC2140
Montse Prado, Ana Pontón e Xabier P. Igrexas durante o encontro

O candidato nacionalista á alcaldía de Vigo, participou esta mañá nun encontro con representantes de diferentes colectivos sanitarios, no que tamén tomaron parte a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, e a deputada Montse Prado.

Pontón denunciou que “o Partido Popular quere facer da enfermidade un negocio para os seus amigos e iso non o podemos permitir” e chamou a responder a través da mobilización.

Xabier P. Igrexas: “As políticas do PP fixeron de Vigo a ‘zona cero’ da desfeita sanitaria”

Falta de persoal, hospital público insuficiente, atención primaria ao borde do colapso, servizo de emerxencias precario. Estas son só algunhas das conclusións recollidas hoxe no encontro organizado polo BNG na cidade de Vigo con diferentes colectivos sanitarios. Na xuntanza participaron representantes da Xunta de Persoal do CHUVI, do Comité de Empresa de Povisa, do colectivo ‘PACS en pé de guerra’, do transporte sanitario de emerxencias e mais da asociación ALCER (pacientes de hemodiálese). O encontro que se prolongou por espazo de máis dunha hora, contou coa presenza do candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, e da deputada Montse Prado, portavoz de Sanidade no Parlamento galego. O resultado foi un balanzo negativo partillado por todas e cada unha das voces que interviron no debate e que reflexan a situación límite que viven estes profesionais que levan meses demandando unhas mellores que nunca chegan.

Para o candidato nacionalista “Vigo é a verdadeira zona cero da desfeita sanitaria do conxunto da nación, resultado directo dun modelo de sanidade e dunha política de recortes aplicada polo Partido Popular que busca debilitar o servizo público de saúde a prol de beneficiar ás empresas privadas”. E así o reflexou tamén o Comité de empresa de Povisa denunciando que máis do 50% do persoal non está a xornada completa ou que sigue habendo falta de persoal de enfermería e auxiliar, dous exemplos dos moitos que padecen a diario. Para Igrexas isto se traduce en que “temos una atención primaria de segunda [para a poboación adscrita a Povisa]” e reclamo que “ten que haber unha mudanza radical de modelo porque os parches, que é o que agora parece que propón o Sergas, non son a solución”, recalcou.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, denunciou a política de recortes do PP que este ano 2019 xa conta con 188 millóns de euros menos que hai dez anos poñendo en evidencia as mentiras do grupo popular. “É falso que haxa máis persoal e máis recursos, os datos están aí;  o que si hai é un deterioro crecente da atención primaria. O PP quere facer da enfermidade un negocio para os seus amigos e iso non o podemos permitir”, asegurou Pontón. Por iso anunciou que a fronte nacionalista presentará no Parlamento Galego un plan de mellora da atención primaria de 200 millóns de euros para dotar ao sistema de máis persoal e mellores recursos, anuncia.

Chamamento á mobilización

Diante da situación de “emerxencia da sanidade na área de Vigo” desde o Bloque fan un chamamento a acudir de xeito masivo á manifestación en defensa da sanidade pública, convocada pola Xunta de Persoal do CHUVI, que terá lugar mañá xoves 24 de xaneiro ás 20:00h con saída desde o antigo Hospital Xeral para, segundo apuntou Igrexas “enviar unha mensaxe clara e contundente de que non se pode xogar coa sanidade dos vigueses e as viguesas e de que queremos unha sanidade pública gratuíta, universal e de calidade. “Os recortes de Núñez Feixoó están converténdose nun perigo para a saúde e para a vida das persoas, hai que paralos”, remachou Pontón após demandar tamén unha resposta masiva nas rúas.

Xabier P. Igrexas: “As políticas do PP fixeron de Vigo a ‘zona cero’ da desfeita sanitaria”