O BNG presenta unha moción para que o Concello demande máis investimento do Estado en Vigo
_A moción recolle propostas orzamentarias destinadas ao rescate da AP9, a aceleración da conexión directa por AVE con Porto e Madrid ou un plan de reactivación de saneamento integral da Ría.
_“Galiza conta cun 20% menos de investimento no proxecto de orzamentos presentado polo PSOE, unhas contas que ademais desatenden cuestións importantes para a nosa cidade”, reclama Xabier P. Igrexas
O BNG de Vigo vén de presentar no Concello unha proposta de moción ao Pleno Municipal para demandar o aumento do investimento previsto para Vigo no Proxecto de Orzamentos Xerais Estado (OXE) para este 2019. A fronte nacionalista considera insuficientes as partidas destinadas a Galiza e en especial a Vigo, que deixan postergadas a conexión directa por AVE con Oporto e Madrid, a remodelación da A55 ou o plan de reactivación económica e industrial da nosa comarca, entre outros. “Este proxecto de orzamentos presentado fai escasos días volven deixar a Galiza cun 20% menos co presupostado en anteriores exercicios e desatende importantes necesidades infraestruturais, ambientais e de promoción da actividade produtiva, económica e laboral de Vigo” explicou o candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas.
A proposta de moción, que foi dirixida tanto ao alcalde como aos grupos municipais de PSOE, PP e Marea de Vigo, recolle 18 puntos fundamentais para o que se reclama investimento estatal. “Defender Vigo pasa tamén por demandar do Goberno español o investimento que a principal cidade de Galiza precisa e merece”, defendeu o candidato nacionalista quen pediu o apoio de todos os grupos municipais a esta demanda.
Tren e aeroporto
Entre as cuestións incluídas salienta o capítulo ferroviario. O Bloque exixe que haxa un maior investimento para acelerar a conexión directa da cidade por AVE tanto con Madrid como con Oporto, a través esta última dunha saída sur que as nacionalistas cualifican de estratéxica. Recóllese tamén a necesidade dunha mellor conexión ferroviaria do Porto de Vigo tanto coa Plisan, coa nova estación do AVE e co aeroporto de Peinador. Aliás, insisten en demandar a mellora da conexión con Tui e a posta en marcha do tren de proximidade (cercanías) para “vertebrar a mobilidade na área metropolitana e o resto da provincia”.
O Bloque reclama unha aposta decidida polo aeroporto de Peinador. Neste sentido, propoñen un plan de dinamización do aeroporto de Vigo, non só no transporte de pasaxeiros senón tamén no de mercadorías, “unha materia pendente dende hai moito tempo”, recorda Igrexas. Demandan tamén unha conexión directa da AP9 coa terminal aeroporturaria viguesa e a creación dunha plataforma loxística.
Rexeneración da Ría
O candidato nacionalista ve imprescindíbel que o goberno do estado amose tamén un compromiso real coa posta en valor e a recuperación do medio natural que pasa por que haxa un maior financiamento coa recuperación das Illas Cíes pero sobre todo con “corrixir unha eiva intolerábel como é que se destinen cero euros para recuperar do litoral”. Precisamente esta semana, o BNG logrou un compromiso en Bruxelas para reabrir o informe sobre o estado das rías de Vigo e o Burgo. “Malia o investimento millonario da construción da nova depuradora, seguen a verterse con demasiada frecuencia augas sen depurar ao non dispor a estación de capacidade suficiente para separar as augas pluviais. Pensamos que os orzamentos deben recoller unha partida para mellorar a rede de saneamento da cidade”, destaca.
Infraestruturas
En materia de infraestruturas recóllense ademais cuestións relacionadas coa remodelación da A55, no treito entre o seminario e a praza de España, e a integración urbana da VG20 ao seu paso polo barrio de Navia. “O goberno ten que comprometerse a poñer os recursos necesarios para evitar que a VG20 siga a tronzar o barrio de Navia, como demanda a veciñanza desde hai moitos anos e que o goberno non pode demorar máis”, reclama Igrexas.
Reactivación económica e industrial da comarca, creación dunha bolsa de vivenda protexida, ou asegurar a creación da Biblioteca pública do Estado en Vigo, son outras das peticións recollidas neste documento no que o BNG pide aos deputados e deputadas escollidas por circunscricións galegas que formulen emendas aos OXE para atender as necesidades de Vigo.
[DESCARGA] Proposta de moción ao Pleno do Concello de Vigo para demandar maior investimento do Estado na cidade