O BNG considera ‘inaceptábel’ que o Sergas deixe sen pediatra a Coruxo e Matamá durante o verán

coruxo
  • O concelleiro electo do Bloque, Xabier P. Igrexas, critica a "falla de previsión e planificación e a política de continuados recortes sanitarios da Xunta do PP".
  • Demandan unha rectificación e que se evite sobrecargar outros centros de saúde que xa teñen unha carga asistencial moi grande.
O BNG considera ‘inaceptábel’ que o Sergas deixe sen pediatra a Coruxo e Matamá durante o verán

"Inaceptábel". Así valorou o concelleiro electo do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, o feito de que un verán máis o Sergas deixe sen consulta de pediatría durante varias semanas os centros de saúde de Coruxo e Matamá. 

Unha decisión que provoca un claro prexuízo para as crianzas e familias desas dúas parroquias, ao non teren consulta no seu centro de saúde de referencia, pero que tamén se traducirá nunha "sobrecarga" dos e das pediatras de Navia e Sárdoma, a onde serán derivados. Ambos os dous centros xa teñen demandando o reforzo de medios e persoal, e que no caso de Navia xa presenta importantes demoras nas citas do servizo de pediatría e que aumentando o número de crianzas a atender só aumentarán.

"A falla de previsión e de planificación, e a política de continuados recortes sanitarios que aplica a Xunta do Partido Popular,volve deixar sen pediatría dúas parroquias da cidade", denuncia o edil nacionalista. Emporiso, urxen á xerencia da área sanitaria a rectificar a mal chamada "reorganización" estival, asegurando que "non podemos admitir como algo inevitábel que se prive de pediatra durante semanas a moitas familias viguesas".

Igrexas quixo, no entanto, recoñecer o esforzo que están a realizar os e as profesionais sanitarias que "poñen todo da súa parte para, malia os recortes do PP, ofrecer a mellor atención posíbel". 

Desde o BNG insisten en reclamar ao Goberno galego a que atenda o "clamor social" que esixe unha mudanza radical da súa política sanitaria coa que xoga coa saúde das viguesas e dos vigueses. Un clamor que, subliñou Igrexas, a cidadanía lle fixo chegar con claridade na debacle electoral do PP nos comicios municipais do pasado 26 de maio.
 

O BNG considera ‘inaceptábel’ que o Sergas deixe sen pediatra a Coruxo e Matamá durante o verán