O BNG chama a actuar para evitar o feche de Vulcano

SONY DSC
  • O concelleiro electo do Bloque, Xabier P. Igrexas, demanda da Xunta que reactive a Mesa da Contratación do Sector Naval, impulse a creación dun centro de reparacións navais na Ría e aposte na intervención pública para evitar a desaparición deste estaleiro centenario.
O BNG chama a actuar para evitar o feche de Vulcano

Diante das incertezas que pairan sobre o futuro de Vulcano, que non ten ningunha encomenda en carteira cando está a piques de formalizar a entrega do último ferry, o BNG reiterou a súa "profunda preocupación" diante do risco de liquidación e desaparición deste centenario estaleiro vigués.

O concelleiro electo da formación nacionalista, Xabier P. Igrexas, rexeita "asumir con resignación" o feche de Vulcano como algo inevitábel e demandou unha actuación decidida por parte da Xunta de Galiza. "Non podemos asumir como único escenario a desaparición deste estaleiro emblemático da cidade e da Ría de Vigo", afirmou.

O edil nacionalista xulgou como "indecentes" as declaracións realizadas días atrás polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, asegurando que a "Xunta ten feito todo o posíbel por Vulcano". En troca, Igrexas, volveu denunciar a a responsabilidade da Xunta de Galiza nesta situación "pola súa deliberada inacción en materia de política industrial". 

Para reaccionar, o Bloque demanda que se reactive a Mesa da Contratación do Sector Naval, na actualidade paralizada, para dinamizar e viabilizar a actividade do sector da construción naval que é "estratéxica para a cidade de Vigo e para o conxunto da nosa Ría". A este respeito Igrexas pide unha "implicación real" do executivo galego para procurar novas encomendas que garantan a continuidade da actividade.

Ademais volven insistir na posta en marcha dun centro de reparacións navais na Ría de Vigo, que a nosa cidade "pola súas condicións técnicas, pola súa capacidade produtiva e polas súas instalacións podería albergar". Desta maneira faríase fronte a unha eventual caída das encomendas de nova construción e garantir unha "actividade máis continuada" nas gradas viguesas. 

Intervención pública

Igrexas amosou a súa coincidencia coa diagnose expresada pola Xunta a respeito de que o principal problema de Vulcano é a súa propiedade e a súa dirección privada que se ten demostrado "incapaz de poñer en marcha as enormes potencialidades que ten Vulcano, que atesoura unha experiencia dilatada e unha máis que acreditada capacidade técnica". 

No entanto urxiu a que o Goberno galego exerza dunha vez as súas competencias para garantir a continuidade de Vulcano. "Diante da incapacidade do capital privado para reactivar este estaleiro o BNG chamamos a unha intervención pública directa que se poida chegar a traducir en dotar a Ría de Vigo dun estaleiro de propiedade pública ou semipública, como xa existen noutras rías galegas e noutras áreas do Estado", demandou.

"O futuro de Vulcano pasa por unha emenda á totalidade da inexistente política industrial da Xunta do PP, para poñerse a serio a pular por unha actividade que é estratéxica para o noso País e que pode e debe xerar un importante número de postos de traballo na nosa cidade", concluíu o concelleiro do Bloque.

O BNG chama a actuar para evitar o feche de Vulcano