ORZAMENTOS

O BNG cualifica de “decepcionantes” os orzamentos da Xunta por desatender as necesidades de Vigo

 _O responsábel local do BNG, Serafín Otero, afirma que os presupostos confirman que “para Feijóo Vigo é de segunda”.
 
_O deputado, Luís Bará, critica a falla de investimentos para reactivar o emprego e a actividade industrial e a desatención de infraestruturas esenciais para a cidade.
 
 

O BNG cualifica de “decepcionantes” os orzamentos da Xunta por desatender as necesidades de Vigo

naval02VIGO, 5 de decembro de 2016.- O Bloque Nacionalista Galego expresou o seu rexeitamento á proposta de orzamentos da Xunta para o ano 2016, cualificándoos de “decepcionantes” por desatender, en opinión das nacionalistas, “as principais necesidades da cidade de Vigo”. Para o responsábel local do Bloque, Serafín Otero, as contas elaboradas polo Goberno galego confirman que “para Feijóo Vigo é de segunda”.
 
Desta maneira, Otero criticou a insuficiencia dos investimentos destinados á principal cidade do país. “Non existe un plan de reindustrialización e non fan unha aposta en apoiar e recuperar o sector industrial. Non apostan no emprego e manteñen a cidade máis importante de Galiza nunha situación de emerxencia social", resumiu. Dedicou tamén duras críticas á insuficiencia das partidas de gasto social e a falla de investimento que deixarán novamente pendentes infraestruturas tan importantes como o túnel de Xulián Estevez ou o acondicionamento da contorna do hospital Álvaro Cunqueiro.
 
O deputado do BNG no Parlamento galego, Luís Bará, cargou tamén contra a proposta orzamentaria denunciando que “non teñen ningunha novidade e fica hipotecada capítulo de investimentos polo gasto de 42 millóns de euros polo canon HAC”. En relación ao custo do hospital privatizado, as nacionalistas cuestionan que entre o canon e a compensación polos servizos a concesionaria privada (26 millóns) vaia receber un total de 68 millóns de euros das arcas públicas. “Esa é a cifra que ilustra a estafa do  PP co novo hospital”, denuncian. "Vemos como se repiten partidas que non se executan ano tras ano, como é o caso da PLISAN ou o previsto para Navia", asegurou, acrecentando que ademais “hai cantidades raquíticas como a estación intermodal que só recebe 350 mil euros, polo tanto que non vai ter ningún impulso o próximo ano".
 
Bará lamentou que se consignen “cantidades absolutamente insuficientes no ámbito cultural como” citando especificamente as asignacións ao Museo do Mar e o MARCO, de 180 mil e 100 mil euros respeitivamente.  Por derradeiro, o deputado nacionalista puxo o foco no feito do orzamento estar lastrado pola falla de diálogo institucional entre Concello de Vigo e  Xunta de Galiza, “por mor da pelexa de egos entre Caballero e Feijóo”.
 
A fronte nacionalista xa anunciou que presentarán emendas e iniciativas no debate parlamentar para aseguraren que “as necesidades de Vigo sexan atendidas”. 

O BNG cualifica de “decepcionantes” os orzamentos da Xunta por desatender as necesidades de Vigo