SANIDADE
O BNG pregunta no Parlamento galego sobre a xestión dun brote de conxuntivite vírica na Residencia Alvi-Beade
_No centro xeriátrico houbo 33 usuarias e 6 traballadoras afectadas nas últimas semanas e as familias denuncian falla de transparencia e información.
_O BNG demanda ao Goberno galego que explique cal foi o protocolo de actuación seguido e se se vai tomar algunha medida adicional que evite novos brotes.
VIGO, 22 de decembro de 2016.- Despois de se coñecer que o Servizo de Alertas Epidemiolóxicas da Xunta está a realizar un seguimento da situación xenerada na residencia Alvi-Beade por causa dun brote de conxuntivite crónica, o BNG vén de formular varias preguntas no Parlamento galego para clarificar como foi xestionado.
O centro xeriátrico, que iniciou a súa actividade en 1997 prestando servizos socio-sanitarios de atención de persoas de idade avanzada e que precisan de coidados especiais, atenden na actualidade a 90 residentes e 20 persoas usuarias na modalidade de centro de día.
O alcance altamente contaxioso da conxuntivite vírica provocou que se decretase no centro unha corentena xeral destinada a evitar novos contaxios. Segundo estimacións recollidas nos medios de comunicación, a mediados deste mes de decembro o número de persoas afectadas eran 33 residentes e 6 traballadoras. A corentena decorreu entre a terceira semana de novembro e o 9 de decembro, inda que se mantivo con posterioridade a esa data no caso das persoas usuarias que presentaran síntomas. Dentro da corentena a dirección do centro decretou a suspensión das visitas familias das persoas usuarias. Por parte das familias formuláronse varias queixas expresando o desacordo co xeito en que se xestionou o brote, denunciando falla de transparencia e información. Unha queixa que fan extensiva tamén á Consellaría de Sanidade da Xunta de Galiza.
Diante desta situación, o grupo parlamentar do BNG presentou varias iniciativas, promovidas pola deputada Montse Prado, para interrogar ao Goberno galego a respeito da xestión realizada. Nelas o Bloque demanda explicacións ao executivo en relación a cal é a situación na que se atopa o brote de conxuntivite, cal foi o protocolo de actuación aplicado e cando comezou a aplicarse en relación ao momento en que se detectou o primeiro caso e se se informou de maneira axeitada ás familias. Aliás, desde a fronte nacionalista demandan que se explique se se vai realizar algunha actuación adicional, como podería ser a revisión das instalacións ou dos protocolos e medidas de hixiene, para evitar novos contaxios desta e doutras doenzas víricas.