O BNG envía a Porro vinte e unha demandas para que a Xunta emende o abandono de Vigo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, preside a toma de posesión da nova delegada territorial en Vigo, Corina Porro. Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, 15/07/19
  • O concelleiro Xabier P. Igrexas remitiu un escrito á nova Delegada Territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, coas principais cuestións que o Goberno galego ten pendentes na cidade.
  • A fronte nacionalista defende que o fundamental é “a mudanza nas políticas e non un mero cambio de caras e talantes”.  
O BNG envía a Porro vinte e unha demandas para que a Xunta emende o abandono de Vigo

Coincidindo coa toma de posesión do seu cargo como nova  Delegada Territorial da Xunta en Vigo, o BNG dirixiu esta mesma mañá un escrito a Corina Porro para urxir “a fin da política de abandono de Vigo" e demandando que se atendan as necesidades da "principal cidade de Galiza". O escrito, remitido polo portavoz municipal do Bloque no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, recolle 21 propostas concretas concibidas “como 21 oportunidades para que a Xunta do PP demostre que está disposta a rectificar de verdade”. 

"Atender o mandato democrático expresado nas urnas viguesas o pasado 26 de maio, esixe que a Xunta de Galiza deixe de utilizar a permanente confrontación partidista co actual Goberno municipal, como coartada para non exercer as súas competencias e responsabilidades na principal urbe do noso País.", explicítase na misiva dirixida Porro. “O que censuraron as viguesas e os vigueses nas pasadas eleccións municipais foron as políticas da Xunta de Alberto Núñez Feixóo e é iso o que ten que cambiar”, remacha Igrexas.

Valoración do nomeamento

“A designación de Porro volve demostrar que o PP non entendeu nada do resultado do pasado 26 de maio. O PP de Vigo volve colocarse como unha verdadeira franquía ao servizo de Feixóo”, valorizou Igrexas. Neste sentido, o edil acusou os populares de “non defender os intereses das viguesas e dos vigueses, mesmo daqueles que os votaron, senón de teimar en defender o indefendíbel, afanándose en lavar a cara a xestión dun Goberno galego que insiste en abandonar a principal cidade de Galiza”. 

No entanto, para Igrexas a escolla concreta de Corina Porro non é o substancial e subliñou que o verdadeiramente importante é que cambien as políticas.  “Do que se trata non é dun cambio de caras. O que espera e merece Vigo non é apenas un cambio de talante ou de ton, que agradecemos, senón sobre todo unha mudanza radical nas políticas e que se deixe de virar as costas ás necesidades das case 300 mil galegas e galegos que vivimos en Vigo”, explicou.

21 reivindicacións

O Bloque recolle un total de 21 cuestións urxentes relativas á cidade que precisan dunha viraxe de 180º na posición adoptada pola Xunta, que Igrexas definiu como “21 tarefas, 21 propostas e 21 oportunidades para que o PP demostre que vai haber unha emenda ás súas políticas lesivas para as viguesas e os vigueses”. Entre elas que salienta a denuncia do recorte da metade do profesorado de primaria do CEIP Eduardo Pondal, o transporte metropolitano, o instituto de Navia, o centro de saúde de Bouzas, a mellora da Atención Primaria, o aumento de prazas públicas de escolas infantís, residencias de maiores e pisos asistidos. As nacionalistas piden tamén compromisos en infraestruturas como o túnel de Xulián Estevez ou o alargamento do de Beiramar.

Tamén demandan apostar polo desenvolvemento de Peinador, dentro dun sistema aeroportuario galego coordinado, o estudo para poñer en marcha unha rede de tren de proximidade (cercanías) e o reforzo do transporte marítimo de Ría. 

A fronte nacionalista pide de maneira expresa a destitución do actual presidente da  Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, pola súa nefasta xestión, e paralizar calquera novo proxecto de recheo na Ría de Vigo. Por derradeiro, requiren unha maior implicación da administración galega na cuestión ambiental, cun Plan de Rexeneración da Ría de Vigo e o apoio ás Comunidades de Montes para recuperar as zonas afectadas polos lumes.

“Se de verdade queren emendar o abandono de Vigo neste documento teñen unha folla rota”, resume Igrexas.
 

O BNG envía a Porro vinte e unha demandas para que a Xunta emende o abandono de Vigo