O BNG de Vigo rexeita que a Xunta recorte á metade o profesorado de primaria no CEIP Eduardo Pondal

eduardopondal
  • O concelleiro Xabier P. Igrexas critica a medida adoptada pola Consellaría de Educación, imposta sen diálogo coa comunidade educativa, polo impacto que terá na calidade educativa e por comprometer o futuro do propio centro.
  • A fronte nacionalista denuncia que se sigan a suprimir e recortar unidades educativas nos centros públicos mentres se manteñen e mesmo se aumentan na escola privada-concertada. 
  • Levarán a denuncia diante desta “situación gravísima” até o Parlamento galego para esixir explicacións á Consellaría e frear a súa aplicación. 
O BNG de Vigo rexeita que a Xunta recorte á metade o profesorado de primaria no CEIP Eduardo Pondal

O BNG rexeita a decisión adoptada pola Consellaría de Educación de recortar á metade do profesorado de primaria no CEIP Eduardo Pondal, da parroquia de Sampaio. O concelleiro Xabier P. Igrexas manifestou esta mañá a súa oposición cunha decisión que deixará este colexio público con apenas dous profesores/as de primaria, cando na actualidade dispón de catro, e fará que teñan que compartir recursos como o PT (pedagoxía terapeútica) con outros centros. 

A decisión foi adoptada con total opacidade e sen ningún tipo de diálogo coa comunidade educativa, como demostra o feito de que a ANPA fique pendente de ser recibida pola Xefatura Territorial de Educación desde o pasado 1 de xuño. Aliás, este recorte abocará ao centro a ter que agrupar alumnado de diferentes niveis educativos nun mesmo grupo, o que se traducirá nunha peor atención educativa, e a falla de profesorado pode comprometer o desenvolvemento de proxectos educativos que se estaban a realizar no centro. 

“Desde o BNG compartimos a enorme preocupación da comunidade educativa do CEIP Eduardo Pondal diante destes recortes”, trasladoulle Igrexas á ANPA do centro. “Quitarlle a metade do profesorado abre importantes interrogantes mesmo a repeito do propio futuro do centro de cara ao vindeiro curso. É evidente que esta situación o que pode provocar é unha caída na matriculación comprometendo a súa continuidade”, advirte.

Denuncia no Parlamento

Igrexas cualificou de “gravísima” a situación que provoca esta decisión que considera “arbitraria e inxustificada”. O portavoz municipal do Bloque anunciou que darán traslado desta situación ao Parlamento de Galiza “para que se nos explique desde o Goberno galego do Partido Popular cales son os motivos deste recortes” co obxectivo de lograr que finalmente non se apliquen, garantindo que o alumando do CEIP Eduardo Pondal teña “o profesorado suficiente para ser atendido e manter a actual estrutura de grupos”. 

Desde o BNG volveron reiterar o seu total compromiso en defensa do ensino público. Neste sentido, Igrexas apuntou que “as políticas de ambivalencia, de presunta neutralidade, que equiparan os centros privado-concertados cos públicos, e que practican a Xunta do PP e tamén o Goberno municipal do PSOE en Vigo, van sempre en detrimento da escola pública”. “Vemos como cada ano se incrementa a oferta de prazas da escola privada-concertada, mesmo en centros dependentes de confesións relixiosas ou que segregan por xénero, ao tempo que se seguen fechando ou recortando unidades educativas na pública, e se seguen negando servizos complementarios aos nosos coles públicos”, reprochou o edil nacionalista.

“Desde o BNG imos esixir sempre que tanto Xunta como Concello deixen de favorecer, directa ou indirectamente, o lucro dos centros privado-concertados e aposten decididamente pola matriculación na pública, por un ensino público galego e de calidade, para que deixemos de vivir situacións como a que agora se vive no CEIP Eduardo Pondal”, comprometeu. 
 

O BNG de Vigo rexeita que a Xunta recorte á metade o profesorado de primaria no CEIP Eduardo Pondal