O BNG volve pedir o rescate da concesión do Álvaro Cunqueiro para garantir un hospital cen por cen público

hac
[Imaxe: Galiciapress]
  • O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, cualifica de “ruinoso” para o erario público o modelo imposto polo Partido Popular e que o ano pasado custou 75 millóns de euros ao Sergas.
  • Lembran que o hospital privatizado case triplicará o seu custo cando remate a concesión de 20 anos e rexeitan que a UTE demande máis diñeiro público.
O BNG volve pedir o rescate da concesión do Álvaro Cunqueiro para garantir un hospital cen por cen público

O BNG de Vigo volveu demandar que a Xunta de Galiza rescate a concesión do hospital Álvaro Cunqueiro para que o centro médico sexa “cento por cento público”. “O Bloque denunciamos sempre que o modelo privatizador e recortado que impuxo o PP para o novo hospital de Vigo non só comprometía a atención sanitaria senón que ademais era un modelo ruinoso”, lembrou o concelleiro da fronte nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas, quen subliñou que o custe total desta infraestrutura sanitaria será de máis de 1.400 millóns de euros ao remate da súa concesión. Case o triplo dos 450 millóns estimados no proxecto público desbotado polo Partido Popular. 

Igrexas rexeita de plano a pretensión da concesionaria privada de aumentar inda máis os ingresos públicos que recibe. “A UTE ingresou o ano pasado máis de 75 millóns de euros e vemos como agora se demanda inda máis diñeiro público para seguir a engordar a súa conta de resultados, falando de que o Sergas lle ten que compensar que, presuntamente, serve menos menús dos previstos, a rebaixa dos prezos da cafetaría ou as prazas de aparcamento gratuíto para os e as traballadoras do hospital”, denunciou. 

“Na área sanitaria de Vigo, a política privatizadora do Partido Popular supón que cada ano esteamos a destinar case 150 millóns de euros ao ano para dúas grandes empresas privadas, como son a UTE do Álvaro Cunqueiro e o concerto especial con Povisa”, resumiu o portavoz nacionalista. Igrexas cualificou de “modelo fracasado e rotundamente ruinoso” a política sanitaria da Xunta de Feixóo  e criticou que “non só non mellora a atención sanitaria, senón que a comprometen con recortes por converter a sanidade que é un servizo público, un dereito universal que debera ser gratuíto nun negocio privado”. “A sanidade pública non é unha mercadoría e por iso reiteramos a nosa demanda de que se rescate a xestión do HAC, para que a área sanitaria de Vigo teñamos o hospital cento por cento público que merecemos”, remachou. 

O BNG volve pedir o rescate da concesión do Álvaro Cunqueiro para garantir un hospital cen por cen público