O BNG propón que a Deputación se traslade á antiga aula da UNED en Vigo e manter o Centro Galego de Fotografía

cafvidos
O concelleiro Xabier P. Igrexas defende que non se pode prescindir dunha dotación cultural que confirmaría a cidade como "capital fotográfica de Galiza".
O BNG propón que a Deputación se traslade á antiga aula da UNED en Vigo e manter o Centro Galego de Fotografía

O BNG vén de dirixir un escrito ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, pedíndolle que suspenda a efectivización do proxecto de convenio aprobado pola Xunta de Goberno Local do pasado 17 de outubro polo que se destinaría o edifico da rúa Alta con Chao, reformado e previsto para o Centro Galego de Fotografía, para albergar a nova sede institucional e administrativa da Deputación en Vigo.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, argumenta que "a cidade de Vigo tense demostrado historicamente como a verdadeira capital fotográfica de Galiza". Así o acredita, segundo Igrexas, o importante contributo de figuras como Pacheco, Llanos, Magar, Cameselle ou Mary Quintero. "Emporiso, no seu momento o BNG promovemos e impulsamos o proxecto de dotar a nosa cidade dun Centro Galego de Fotografía, posteriormente nomeado polo actual Goberno municipal como Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI), para o que se acometeu un investimento de case 2 millóns de euros na habilitación dun edificio na rúa Alta con Chao, en pleno Casco Vello", acrecenta. Un centro que nunca chegou a iniciar a súa actividade, para alén dunha brevísima e reducida exposición inaugural cunha selección de fotografías do Arquivo Pacheco, ficando o inmóbel que o sediaba nun palpábel estado de abandono. Situación que o edil nacionalista imputa á "falla de compromiso coa dinamización cultural" do Goberno local.

Desde a fronte nacionalista denuncian que o texto do proxecto de convenio aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno Local unicamente recolle a obriga da Deputación de "instrumentar co Concello de Vigo a realización dunha exposición fotográfica anual coa temática de escenas da propia cidade nunha das plantas do inmoble”.

"Nun edificio deseñado e reformado por case 2 millóns de euros para albergar un centro de fotografía Concello e Deputación só realizarán unha exposición por ano", critican. Esta decisión suporía, en opinión das nacionalistas que na práctica o Concello abandona o proxecto de dotar a cidade dun centro que para alén das súa función expositiva, tiña deseñadas funcións relativas á documentación e catalogación de fondos (motivo polo que se habilitara un laboratorio no CAFVI).

Alternativa

"Desde o BNG non nos resignamos e cremos que a cidade non pode renunciar a ser sede dun Centro Galego de Fotografía que poña en valor a potencia que ten Vigo na arte fotográfica", defende Igrexas. Para iso o concelleiro do Bloque propón que a Deputación en lugar de ocupar o edifico da rúa Chao se traslade a antiga casa reitoral, na rúa San Vicente número 3, que fora habilitada como sede da Aula UNED até o seu traslado ao Auditorio Mar de Vigo, e que conta, xa que logo, coas condicións espaciais e infraestruturais necesarias para poder albergar a sede da Deputación. "

É unha alternativa en positivo que garante que a Deputación teña unha sede no Casco Vello de Vigo pero sen sacrificar o Centro Galego de Fotografía", resumiu.

O BNG propón que a Deputación se traslade á antiga aula da UNED en Vigo e manter o Centro Galego de Fotografía