TRANSPORTE

O BNG demanda a mellora do transporte público en Vigo

_A fronte nacionalista demanda aproveitar a fin da actual concesión para poñer en marcha un novo modelo de mobilidade, coa revisión do mapa de liñas e unha mellora substancial das frecuencias.

O BNG demanda a mellora do transporte público en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno municipal de Vigo que afronte a necesaria mellora do transporte público na cidade. Para a fronte nacionalista a mobilidade é un aspecto central para a cidade e para veciñanza. As características e calidade do transporte colectivo urbano son, para o Bloque, un factor que incide de maneira directa na calidade de vida da veciñanza e tamén na vertebración da cidade, dos seus barrios e parroquias. 

A este respeito, o responsábel local do BNG, Serafín Otero, asegura que “o transporte urbano en Vigo precisa dun impulso decidido que adecúe o servizo que se presta coas demandas da cidadanía. A ausencia de melloras nos últimos anos, polo desinterese e inacción do Goberno municipal, ten provocado que en lugar de aumentar o número de persoas usuarias, este retroceda”. 

A aposta decidida do BNG por un transporte urbano mellor conectado, accesíbel e con prezos razoábeis, quedou demostrado no impulso que desde a alcaldía e o goberno municipal (1999-2003) se lle deu. A creación, daquela, da tarxeta verde, a modificación do mapa de liñas coas circulares, a posta en marcha de novos servizos como o bus nocturno e a mellora nas frecuencias, permitiu daquela avanzar cara ao transporte que unha grande cidade precisa. “Quince anos despois é necesario recuperarmos o tempo perdido e despregar medidas concretas que relancen un servizo moi por debaixo das necesidades e demandas da veciñanza”, explica Otero.

Melloras

O BNG urxe o Concello de Vigo a actuar diante do elevado grao de insatisfacción cidadá do actual servizo de transporte colectivo urbano que o coloca como o peor valorado. Nese sentido, chaman a aproveitar a fin da actual concesión, que remata en 2020, para poñer en marcha un novo modelo de mobilidade na cidade.

Unha mellora do transporte público que entenden pasa de maneira inescusábel por un redeseño do mapa de liñas para alargar a conexión dos barrios e as parroquias, por un aumento das frecuencias (de como mínimo cada 15 minutos en horario laborábel e cada 30 minutos no horario restante), a mellora e das liñas nocturnas e a ampliación do billete de transferencia (até 2 transbordos durante 60 minutos). Aliás, urxen a mellorar a conexión co hospital Álvaro Cunqueiro, cunha nova liña directa desde Navia-Coia e aumentando as frecuencias das xa existentes, especialmente no caso da H3 que na actualidade fai só 2 viaxes por día. Por outra parte volven insistir na necesidade de incorporar o transporte público urbano nunha mobilidade integral, apostando pola súa integración nun sistema intermodal e metropolitano.

“A veciñanza de Vigo queremos e merecemos unha cidade mellor conectada, apostando nunha mobilidade ambientalmente sostíbel e que permita reducir o uso do vehículo privado. Mais para iso é urxente que se mellore o funcionamento do autobús”, acrecenta Otero.

O BNG demanda a mellora do transporte público en Vigo