Para o BNG é “indecente” que o Concello gaste máis en  ornamentos de nadal que no Plan Municipal de Emprego

alumbrado

_O candidato nacionalista, Xabier P. Igrexas, reclamou que se prioricen as “necesidades reais da veciñanza” e que se atenda a “grave situación social e laboral”.

Para o BNG é “indecente” que o Concello gaste máis en  ornamentos de nadal que no Plan Municipal de Emprego

“É indecente que se vaian destinar máis de 1 millón e medio de euros a alumeado e ornamentos de nadal nun contexto no que millares de familias viguesas atravesan situacións de pobreza”. Así valorou esta mañá o candidato do BNG ás próximas eleccións municipais, Xabier P. Igrexas, as informacións publicadas no día de hoxe nas que se revelaba que aos 800 mil euros destinados a alumeado de nadal se engadirán outros 760 mil euros máis para a instalación de “figuras decorativas”. 

Pérez Igrexas cargou contra a “total falla de sentido da realidade” do actual Goberno municipal, lembrando que na cidade segundo datos oficiais hai 65 mil de persoas en risco de pobreza. “Con máis de 22 mil persoas no desemprego na nosa cidade resulta intolerábel que o Concello de Vigo dedique máis recursos a ornamentos que a políticas de emprego”. Neste sentido, o candidato nacionalista denunciou que mentres o Plan Municipal de Emprego (PME), que lembrou foi posto en marcha hai varios anos a iniciativa do BNG, ten unha partida de 1 millón 200 mil euros, o Goberno municipal vai dedicar máis de 1,5 millóns a “adornos”, un 25% máis. Gastos aos que ademais hai que engadir o custe da factura eléctrica “que pagaremos todos os vigueses e todas as viguesas, non Abel Caballero”, nunha cidade na que hai moitos fogares en situación de pobreza enerxética. 

O BNG xa demandara no debate dos orzamentos municipais, a través dunha emenda, que se aumentara até os 3 millóns de euros a partida do PME, proposta que foi rexeitada pola maioría absoluta do PSOE. “Hai un ano o PSOE negouse a incrementar os recursos destinados ao principal problema social da cidade, que é o desemprego e precariedade, pero non ten reparos nin vergoña en dilapidar recursos públicos en frivolidades”, cargou Pérez Igrexas. 

A cidade son as persoas

Desde a fronte nacionalista entenden que esta cuestión volve poñer de relevo a ausencia dunha verdadeira “política de cidade”. “Hai quen se envolve todos os días na bandeira de Vigo, pero Vigo non poden ser apenas catro letras para ocultar o total desgoberno que padecemos no Concello. Vigo é o seu pobo, as veciñas e veciños, as persoas que vivimos e traballamos na cidade, e a prioridade deben ser as necesidades reais da xente”, exixiu Pérez Igrexas.

Para o BNG é “indecente” que o Concello gaste máis en  ornamentos de nadal que no Plan Municipal de Emprego