O BNG lamenta a falla de consenso e demanda uns Vigueses e Viguesas Distinguidas “en clave de cidade”
_O candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas, propón modificar o sistema de designación con máis participación e reducindo o número de distincións por ano.
_A fronte nacionalista expresa o seu desacordo con que se “equipare a colexios públicos e privados” nun dos recoñecementos propostos este 2019.
Diante da polémica aberta pola designación de Vigueses e Viguesas Distinguidas para este 2019, o BNG lamentou a ruptura do consenso co que tradicionalmente se concedían e a súa utilización “partidista e electoral”. O candidato do Bloque á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, defende que “esta situación visa a necesidade de modificar o sistema de nomeamentos”.
Neste sentido, Igrexas propón “ampliar a participación e a transparencia”, habilitando medios para que as viguesas e os vigueses poidan propor candidaturas e facendo que o Consello Social da Cidade, en tanto que máximo organismo consultivo do Concello de Vigo, poida servir de “espazo de posta en común para procurar o máximo acordo e consenso, atendendo e respeitando a pluralidade da cidade”. Aliás, a formación nacionalista suxire que se aborde a posíbel redución do número de nomeamentos para cada ano para evitar a súa desvalorización. Medidas que para o candidato do BNG servirían para recuperar que os Vigueses e Viguesas Distinguidas sexan outorgados “en clave de cidade”.
Desacordo co recoñecemento a colexios privados
Por outra parte, Igrexas tamén expresou o desacordo do BNG con algunha das propostas formuladas para este ano. “Desde o máximo respeito e sen ánimo de descualificar a ninguén, non podemos compartir que se equipare a colexios públicos e privados. E menos cando nalgún caso falamos de centros dependentes dunha confesión relixiosa, o que é incompatíbel cunha concepción laica como a que defendemos o Bloque”, lamentou o candidato. “Esta decisión encádrase na política aplicada desde hai anos por Abel Caballero, abandonando a defensa firme do ensino público. Se algo hai que poñer en valor e potenciar son os colexios e escolas públicas da nosa cidade”, remachou.