O BNG de Vigo propón facer gratuíto o autobús urbano a todos e todas as menores 13 anos
_A fronte nacionalista demanda tamén a equiparación do bono estudante co bono universitario para reducir a súa tarifa a 69 céntimos por viaxe.
_O candidato nacionalista á alcaldía, Xabier P. Igrexas, adianta que estas medidas fan parte dun plan co que o BNG quere “revolucionar o transporte urbano” e cuxas liñas mestras presentarán proximamente.
O BNG de Vigo propón facer gratuíto o prezo do autobús urbano para os e as menores de 13 anos. Con esta medida, a fronte nacionalista, quere alargar a gratuidade, agora limitada a crianzas de até 4 anos, equiparando o beneficio ao que xa se aplica noutras cidades galegas e do estado, para impulsar a utilización do transporte público.
“Queremos facilitar o uso do autobús á poboación infantil da cidade como maneira de estimular unha mobilidade que reduza o uso de vehículo privado. Non ten sentido seguir facendo pagar a menores que na súa maioría viaxan xa acompañados por adultos e adultas que xa pagan billete”, explicou o candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas.
Equiparación do bono estudante co universitario
Por outra parte, a fronte nacionalista volveu reiterar a demanda de equiparar a tarifa que se aplica no bono estudante coa do bono universitario. Na actualidade, o estudantado non universitario, é dicir o que cursa primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional, ten que aboar 86 céntimos de euro por viaxe, só 3 céntimos menos que o bono normal. Coa equiparación pasarían a unha tarifa de 69 céntimos por viaxe.
Igrexas inseriu estas medidas como parte do “plan do BNG para revolucionar o transporte público da cidade” cuxas liñas mestras presentarán proximamente. “Vigo merece un servizo de autobús de calidade, con mellores frecuencias, a revisión do mapa de liñas, a redución dos tempos de viaxe e novos beneficios para as persoas usuarias habituais”, anticipou.