O BNG reitera a súa oposición frontal contra novos recheos na Ría de Vigo

BNG Bouzas 120519_

O concelleiro electo do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que o novo Plan Estratéxico do Porto de Vigo volva incorporar o proxecto dun novo recheo de 65 mil metros cadrados en Bouzas.

Igrexas cualifica de “irracional” que se presente un Plan Estratéxico cando a Autoridade Portuaria carece de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios e de Plan Especial e que non disporá destes antes de 2022.

O BNG reitera a súa oposición frontal contra novos recheos na Ría de Vigo

Perante as informacións publicadas hoxe que aludían a que a Autoridade Portuaria tería xa rematado o novo Plan Estratéxico do Porto de Vigo e no que se volven prever novos recheos de até 65 mil metros cadrados para ampliar a terminal de Bouzas, o concelleiro electo do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reaccionou reiterando a súa “frontal oposición a ese modelo irracional e insustentábel”. 

“O tempo dos recheos na Ría de Vigo rematou”, enfatizou Igrexas, lembrando que a cidade ten xa gañado 3 millóns de metros cadrados ao mar. Para o edil electo o proxecto de novos aterramentos constitúe unha agresión ambiental “sen ningún tipo de motivación nin necesidade”. “Volver comer 65 mil metros cadrados de mar para ter máis superficie na que estacionar temporalmente vehículos mentres estes non son cargados, parécenos unha verdadeira tomadura de pelo”.

Para o nacionalista é “irracional e indefendíbel” que desde a Autoridade Portuaria que dirixe o popular Enrique López Veiga, se presente un Plan Estratéxico con novos recheos cando segue sen dispor de dous documentos claves para a planificación, racionalización e ordenación do propio Porto de Vigo. Alude, Igrexas á falla dunha Delimitación de Espazos e Usos Portuarios e do Plan Especial do Porto, que tal e como temporalizou a propia Autoridade Portuaria non estarán listos até como mínimo o ano 2022.

Plisan e conexión ferroviaria

Igrexas defende que o desenvolvemento do Porto de Vigo pasaría por apostar a serio pola PLISAN como verdadeiro porto seco, dotándoa de servizos para que deixe de ser “un ermo asfaltado”, e tamén pola conexión ferroviaria da terminal de Bouzas. Aliás, a fronte nacionalista defende a necesidade de deseñar o futuro do Porto da cidade cun maior consenso institucional e social, e por iso insisten na necesidade de poñer en marcha unha Mesa Local do Porto de Vigo, coa participación da Autoridade Portuaria, Concello de Vigo, Xunta de Galiza, axentes portuarios, organizacións sindicais e empresariais, a Universidade e institutos de investigación e representantes do tecido asociativo. “Vigo é unha cidade portuaria e o noso futuro pasa por desenvolver as nosas potencialidades tamén neste ámbito, pero desde unha perspectiva sustentábel e racional en lugar de con novas agresións ambientais contra a  Ría”, concluíu.

 

O BNG reitera a súa oposición frontal contra novos recheos na Ría de Vigo