O BNG de Vigo esixe que o Goberno municipal actúe para resolver a situación límite do corpo de bombeiros 

FT_ReuniónBombeiros
  • Despois de que a única resposta do executivo á convocatoria de folga para este 14 de agosto teña sido adiar a negociación cos sindicatos até setembro, o portavoz nacionalista, Xabier P. Igrexas, advirte a concelleira de Seguridade, Elena Espinosa de que “non é momento de coller vacacións, é momento de exercer as súas responsabilidades”.
  • O BNG volve reclamar que se informe dos cuadrantes de servizo desde o 1 de xaneiro de 2019 para que a cidade saiba durante cantas xornadas o Concello incumpre o mínimo de 20 efectivos operativos comprometendo a seguridade das viguesas e os vigueses. 
O BNG de Vigo esixe que o Goberno municipal actúe para resolver a situación límite do corpo de bombeiros 

A primeira xuntanza mantida pola nova concelleira delegada de Seguridade, Elena Espinosa, con representantes sindicais do corpo de bombeiros saldouse sen ningún avance e co único compromiso do Goberno local de pospoñer as negociacións até setembro. Diante deste bloqueo e da folga convocada a partir do próximo 14 de agosto, o BNG volveu instar máis unha vez o Goberno municipal a atender as lexítimas reivindicacións do colectivo de bombeiros da cidade-

“Parécenos unha absoluta irresponsabilidade pospoñer a negociación que se quixo abrir onte, con esa primeira xuntanza da concelleira de Seguridade con representantes sindicais, até o mes de setembro cando hai unha folga convocada por primeira vez na historia da cidade no corpo de bombeiros para o próximo 14 de agosto”, criticou o concelleiro do  BNG,  Xabier P. Igrexas.

Igrexas cuestionou con dureza a falla de reacción do Goberno, afirmando que “o que lle temos que dicir á señora Espinosa é que non é o momento de que colla vacacións. É o momento de que exerza as súas responsabilidades e poña todo da súa parte para resolver este conflito e para evitar unha folga que pode comprometer, inda máis, a situación operativo do servizo de bombeiros”.

“Non é momento de vacacións. Non é momento de darlle ao balón para adiante. É momento de actuar, de tomar decisións deixando de ollar para outro lado. Hai que resolver o problema dos bombeiros porque está en xogo a seguridade de todos e de todas”, enfatizou.

Situación límite

O edil nacionalista sinalou que hai meses que os bombeiros están a alertar de que viven unha situación límite coa súa capacidade operativa comprometida pola falla de medios, o que supón un claro risco para a seguridade das persoas e a súa propia. “Cómpre lembrar que en Vigo hoxe temos 50 bombeiros menos do que nos corresponde polo tamaño da nosa cidade”, denunciou sinalando que o plantel actual está en arredor de 100 efectivos fronte aos 150 necesarios. “Temos que lembrar que os bombeiros por culpa da política irresponsábel do Goberno municipal está a facer xornadas de até 48 horas continuadas, por causa dun decreto de xornada absolutamente ilegal e que non resolveu nada”, acrecentou.  

A causa fundamental dos problemas está na falla de persoal que, segundo Igrexas, se debe en grande medida “á evidente incapacidade na xestión dun Goberno que ten maioría absoluta”. “Só así se explica que teñamos pendente a execución das OPE dos anos 2017 e 2018, que permitirían comezar a resolver inda que for parcialmente esta situación”, apuntou.

Cuadrantes de servizo

O voceiro nacionalista reiterou tamén a petición de que se lle facilite copia des cuadrantes de servizo, para poder comprobar o nivel de incumprimento do mínimo de 20 efectivos operativos. “Pasou máis dun mes desde que o BNG lle solicitamos á concelleira Espinosa que nos fixese chegar todos os cuadrantes de servizo desde o 1 de xaneiro de 2019 até a actualidade e non obtivemos resposta”, denunciou. 

Desde o Bloque demandan que se lle diga á cidade durante cantas xornadas no que vai de ano o Concello de Vigo incumpriu o mínimo de 20 efectivos operativos. “Queremos que se lle diga á cidadanía durante cantos días o servizo de bombeiros non estaba en plenas condicións para  garantir a seguridade da cidade, para que se saiba até que punto se está a forzar a situación levando os bombeiros a situacións límite que mesmo compromete a súa propia seguridade”, explican.

O BNG de Vigo esixe que o Goberno municipal actúe para resolver a situación límite do corpo de bombeiros