O BNG proporá no Concello de Vigo que os cargos institucionais non participen de actos relixiosos

asemblea
  • O concelleiro nacionalista, Xabier P. Igrexas, defende separar as institucións democráticas das cuestións relixiosas.
  • O BNG respeita todas as confesións relixiosas pero considera un “anacronismo doutro tempo” que cargos institucionais participen, nesa condición, de actos relixiosos.  
O BNG proporá no Concello de Vigo que os cargos institucionais non participen de actos relixiosos

 “Nin eu como concelleiro, nin ningún cargo institucional do BNG, participaremos da procesión do Cristo da Vitoria”, anunciou esta mañá o edil nacionalista no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas.  O edil rexeitou o convite expresando o “completo e profundo respeito do BNG a todas as confesións relixiosas e as viguesas e vigueses que queira participar deste tipo de actos”. 

Igrexas anunciou que proporán no Concello de Vigo que ningún cargo institucional participe de ningún tipo de manifestación relixiosa. “Proporemos estabelecer o criterio de que ningún representante institucional, en calidade de tal, participe en ningún tipo de manifestación relixiosa”, explicou. Desta maneira, o Bloque quere facer “avanzar a nivel municipal a necesaria aconfesionalidade do Estado, separando a igrexa e calquera confesión relixiosa das institucións democráticas”. 

Anacronismo

Para Igrexas é un anacronismo “que responde a unha tradición doutros tempos” que o Concello de Vigo siga enviando convites oficiais a todas e todos os membros da Corporación municipal para participaren nun acto relixioso, como a procesión do Cristo da  Vitoria, indicándolles, expresamente, que o fagan “portando a medalla de concelleiros e concelleiras”. 

convite cristo

“Respeitamos que calquera persoa, sexa concelleira ou non, poda participar a titulo persoal en calquera acto relixioso, faltaría máis, pero entendemos que no exercicio da representación institucional non ten ningún sentido participar nunha procesión”, acrecentou o voceiro nacionalista.

Desde a fronte nacionalista demandan que en Vigo se aplique o criterio que xa está a poñer en práctica noutros concellos, como o caso de Redondela, onde se acordou -co voto do PSOE- separar a institución municipal dos actos relixiosos.  “Hai que respeitar, por suposto, todas as crenzas relixiosas. Mais tamén hai que respeitar as moitas persoas que lexitimamente non as temos”, remachou Igrexas.
 

O BNG proporá no Concello de Vigo que os cargos institucionais non participen de actos relixiosos