O BNG de Vigo interpela o Goberno municipal sobre a instalación de alumeado de nadal nas árbores da cidade
- O concelleiro, Xabier P. Igrexas, defende que “as árbores non son postes” e lembra que a ordenanza municipal de zonas naturais e espazos verdes prohibe expresamente pendurar ningún tipo de instalacións no arborado.
- A fronte nacionalista expresa tamén a súa preocupación polos efectos ambientais da contaminación lumínica.
O BNG interpelou o Goberno municipal de Vigo a respeito da instalación de alumeado de nadal e outros ornamentos nas árbores da cidade. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, formulou esta mañá, na Comisión Informativa de Medio Ambiente do Concello, unha pregunta reclamando que o executivo local informase de que actuacións tiña previsto adoptar para evitar que este ano se volva incumprir a ordenanza municipal de zonas naturais e espazos verdes, que no seu artigo 16.6 prohibe expresamente que se pendure ningún tipo de instalación no arborado. O equipo de Goberno limitouse a anunciar que responderán por escrito.
“As árbores non son postes, son seres vivos. Son o alicerce do equilibrio ambiental e un elemento vital de saúde pública” defendeu Igrexas. O edil nacionalista apostou porque a celebración do nadal sexa tamén “ambientalmente sustentábel”, lembrando que recentemente o Pleno aprobou por unanimidade a declaración de emerxencia climática na cidade. “Pasemos das declaracións aos feitos. Comezando por cousas básicas como cumprir a ordenanza que protexe as nosas árbores”, reclamou.
Contaminación lumínica
Desde o BNG tamén expresaron a súa preocupación polo impacto ambiental da contaminación lumínica que pode producir o alumeado de nadal con 10 millóns de lámpadas. Igrexas aludiu ás informacións que apuntan a que se podería estar a poñer en risco o certificado Starlight das Illas Cíes.
Neste sentido, o portavoz nacionalista fixo súas as declaracións do ministro Pedro Duque quen na súa visita a Vigo alertara dos efectos dun exceso de iluminación. “As nenas e nenos e o conxunto das viguesas e vigueses temos dereito a poder ollarmos o ceo estrelado” afirmou, reclamando “racionalidade” na planificación do alumeado.