O BNG cualifica de "incomprensíbel" a negativa do PSOE a a un parque municipal de vivenda social en Vigo

IMG_20190925_130855_742
  • O concelleiro, Xabier P. Igrexas, criticou que o grupo de goberno rexeitase unha emenda a súa moción sobre vivenda na que pedía que o Concello demandase a cesión de uso das vivendas desocupadas da Sareb e de entidades financeiras privadas que foron rescatadas con fondos públicos.
O BNG cualifica de "incomprensíbel" a negativa do PSOE a a un parque municipal de vivenda social en Vigo

Para o BNG a negativa do grupo socialista á súa proposta para que o Concello de Vigo poña en marcha un parque municipal de vivenda social da cidade é "incomprensíbel". Así valorou o concelleiro, Xabier P. Igrexas, o rexeitamento da súa emenda a unha moción promovida polo PSOE en materia de vivenda e que foi debatida no Pleno de onte. Na iniciativa, o BNG demandaba expresamente que se incluíse como un acordo adicional instar o Goberno municipal a impulsar a creación do referido parque de vivenda social en cooperación con outras administracións e demandando a cesión do dereito de uso das vivendas desocupadas que son propiedade da Sareb e dos bancos rescatados a cargo de fondos públicos.

O edil nacionalista defendeu a necesidade de despregar unha política a prol de facilitar o acceso social á vivenda na cidade. "O primeiro dereito de toda cidadá e de todo cidadán é o de habitar. O de ter un teito baixo o que vivir na súa cidade", reivindicou. Neste sentido, Igrexas lembrou que na actualidade son máis 4.700 as viguesas e vigueses que figuran rexistradas como demandantes de vivenda protexida.Aliás, lembrou que os alugueiros teñen aumentado os seus prezos un 7% no último ano atinxindo "prezos privativos". 

Emporiso, Igrexas considera que a negativa do PSOE "nunha cidade na que con 18.500 pisos baleiros cada semana se seguen a producir desafiuzamentos sen alternativa habitacional" demostra que a súa preocupación pola problemática da vivenda é aparencial. "Pura pose", reprochou.

O BNG cualifica de "incomprensíbel" a negativa do PSOE a a un parque municipal de vivenda social en Vigo