Xabier P. Igrexas: “Temos que facer que en Vigo todos os días poidan ser día sen coche”

foto_Xabier_Igrexas_2
Xabier Pérez Igrexas, candidato do BNG de Vigo

_O candidato do BNG á alcaldía reclama unha aposta decidida por unha mobilidade sustentábel mellorando substancialmente o servizo de autobús urbano, entre outras medidas. 
_O Bloque volve demandar a gratuídade do autobús para as persoas desempregadas de longa duración e sen ingresos, e a posta en marcha do transporte metropolitano.
_Urxen a Xunta a axilizar a posta en marcha da nova terminal de bus na estación intermodal de Urzaiz e reclaman unha mellora da conexión ferroviaria e a implantación de ‘cercanías’.

Xabier P. Igrexas: “Temos que facer que en Vigo todos os días poidan ser día sen coche”

Coincidindo coa celebración do Día sen Coche, dentro da Semana Europea da Mobilidade, o Bloque Nacionalista Galego reivindica a necesidade dunha nova política de mobilidade para a cidade de Vigo. “Este tipo de celebracións son úteis para sensibilizar, pero o que temos que facer é que en Vigo todos os días poidan ser día sen coche”, reclamou o candidato nacionalista á alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas. A este respeito, Igrexas denunciou que as actuais deficiencias do servizo de autobús urbano “obriga a moitos vigueses e viguesas a ter que facer uso, si ou si, do seu vehículo particular polas malas frecuencias e a falta de conexións”. Unha situación que se fai moi palpábel nos barrios e parroquias e especialmente en fin de semana.

“Para o BNG a mobilidade é un dos principais eixos para transformar a mellor a cidade, para facela máis habitábel e sustentábel en termos ambientais, reducindo a presenza de coches para permitir que as persoas volvan gañar espazo público, como logramos coas peonalizacións da praza da Independencia ou do Calvario”, explicou o candidato do Bloque. Nesa nova política de mobilidade a principal aposta sería reforzar  e mellorar substancialmente o servizo de autobús urbano. A este respeito, Igrexas demanda que se garantan mellores frecuencias, que se revise o trazado das liñas para reducir tempos de traxecto e para conectar mellor os barrios. Tamén volveu reclamar a gratuídade do autobús a través dun novo bono social para todas as persoas desempregadas de longa duración e sen ingresos. 

Propoñen a instalación dun ou varios aparcadoiros disuasorios nos accesos da cidade para reducir ao mínimo a entrada de coches dentro do casco urbano, como se fai en numerosas cidades europeas e do mundo. Neste sentido, o candidato nacionalista apuntou a urxencia da posta en marcha do transporte metropolitano, nun momento onde se vén de coñecer que o tránsito de entrada a Vigo aumentou no último ano un 14% con 64.700 traxectos diarios.

Estación intermodal, tren e barco

Pérez Igrexas urxiu tamén á Xunta de Galiza a acelerar a posta en marcha da “mil veces prometida e anunciada” nova terminal de autobús dentro do proxecto de estación intermodal de Urzaiz. Aliás, reclamou a mellora da conexión de media distancia por tren, con máis frecuencias e a redución de prezos, e que se avance “dunha vez por todas” na implementación dun tren de proximidade (cercanías) que “nos conecte tanto coa área de Pontevedra como co sur da provincia”. No ámbito ferroviario para o Bloque é tamén “estratéxica” a liña Vigo-Porto, que fica na práctica abandonada por Madrid. Tamén demandan que se potencie o transporte marítimo na Ría de Vigo.

Apoio ao persoal de Vitrasa

O candidato do BNG á alcaldía aproveitou para expresar o pleno apoio da fronte nacionalista ás reivindicacións do persoal de Vitrasa fronte aos abusos que, denuncian, sofren por parte da concesionaria. “Contan co noso apoio e nos próximos días falaremos con eles e elas para coñecer de primeira man a situación laboral nunha empresa que é concesionaria municipal”, comprometeu Pérez Igrexas. 

Xabier P. Igrexas: “Temos que facer que en Vigo todos os días poidan ser día sen coche”