FACER DE VIGO UNHA CIDADE PARA O POBO

O BNG trasládalle á FAVEC a súa aposta por potenciar a participación veciñal na cidade

favec03
favec03
  • O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo un encontro de traballo coa Comisión Permanente da Federación Veciñal.
  • O Bloque comprometeuse a "construír a cidade desde os barrios" poñendo fin ao seu abandono e priorizando os problemas e necesidades reais da veciñanza.
  •  Pérez Igrexas criticou o uso "caciquil" que o Goberno municipal fai dos recursos públicos para castigar os colectivos que expresan críticas e opinións diferentes.
O BNG trasládalle á FAVEC a súa aposta por potenciar a participación veciñal na cidade

Esta mañá o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, iniciou unha rolda de contactos con colectivos e organizacións sociais da cidade para "escoitar de maneira activa as súas opinións e demandas". O primeiro encontro realizouno, acompañado do responsábel local do BNG, Serafín Otero, coa Comisión Permanente da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo "Eduardo Chao" (FAVEC). A xuntanza, de noventa minutos, na que participou a presidenta da FAVEC, María Pérez, tivo lugar na sede da Federación. 

"Hoxe trasladeille á Comisión Permanente da FAVEC o apoio do BNG ao conxunto do movemento veciñal de Vigo. Sen participación non pode haber democracia, e as asociacións veciñais son espazos plurais e abertos para que as viguesas e os vigueses participen", explicou o candidato ao remate do encontro.

Pérez Igrexas puxo en valor o papel da Federación Veciñal como "voz dos barrios". Nese sentido, enfatizou que "o BNG sempre respeitamos a independencia da FAVEC, garantida pola pluralidade que convive no movemento veciñal, e recoñeceremos sempre o seu papel como interlocutor dos barrios e parroquias. Onte, hoxe e sempre. Coincidamos ou discrepemos. Con esta directiva ou con calquera outra".

"No movemento veciñal a primeira e máis importante lección que aprendín foi a de escoitar. Sobre todo a de escoitar a quen pensa diferente. Iso é o que fai falla nesta cidade. Escoitar para sumar", afirmou Igrexas. 

Abandono dos barrios

favec01Na reunión, o candidato nacionalista puxo en común coa dirección do colectivo veciñal a súa preocupación polo "patente abandono" dos barrios e das parroquias. "Vemos como hai viais e camiños abandonados, como o mato medra sen control, como segue a haber importantes deficiencias en subministros básicos, ou como en moitos barrios padecen un transporte urbano de terceira división", explicou Igrexas. Por outra parte denunciou tamén o importante déficit dotacional que seguen a sufrir moitas zonas da cidade, en materia de infraestruturas, pero tamén de dotación culturais, deportivas ou de esparcemento, ademais de ser evidente a falta de atención da grave situación de emerxencia social que padecen millares de viguesas e vigueses.

"Reitereille ás compañeiras e compañeiros da Federación Veciñal o noso compromiso de facer cidade desde os barrios, poñendo fin ao seu abandono, e dedicando todos os medios e recursos do Concello a atender os problemas e necesidades reais da veciñanza", acrecentou Igrexas quen asegurou que o BNG "ten claras as prioridades". "Dixémolo diante do escándalo indecente das luces de nadal. Os cartos das viguesas e vigueses ten que dedicarse a atender os seus problemas e necesidades, non en circo", remachou.

Política caciquil

Por outra parte, o candidato do Bloque cualificou de "inaceptábel" o uso "caciquil" que o Goberno municipal fai dos recursos públicos. "É absolutamente inaceptábel utilizar o diñeiro público para premiar os colectivos que aplauden o goberno e castigar, e mesmo tentar afogar economicamente, a quen discrepa ou opina diferente. Iso é política caciquil pura e dura", denunciou.

O BNG trasládalle á FAVEC a súa aposta por potenciar a participación veciñal na cidade