Xabier P. Igrexas: “Queremos facer de Vigo unha cidade de iguais, con políticas radicalmente feministas para converternos nun territorio libre de machismo”
O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, enfatizou o compromiso feminista do seu proxecto de cidade nun acto público realizado no Calvario.
Despregar políticas radicalmente feministas para facer de Vigo unha cidade de iguais e un territorio libre de machismo. Esa foi a proposta que hoxe destacou o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, desde un acto público que realizou esta mañá no Calvario acompañado por boa parte da súa candidatura para o 26M.
“O feminismo non pode ser declarativo. O feminismo ten que demostrarse con feitos e hoxe vemos como as políticas de igualdade retrocederon como nunca na nosa cidade. Non podemos permitir que o Concello de Vigo siga gastando máis en atencións protocolarias que nas campañas de sensibilización contra as violencias machistas”, defendeu o candidato nacionalista.
O Bloque aposta en incorporar a perspectiva de xénero de maneira “transversal e efectiva” en todas as áreas de actuación municipal. No concreto, a fronte nacionalista propón a posta en marcha de 2 novos Centros de Información ás mulleres, no Calvario e en Coia, así como ampliar e reformular o Centro de Emerxencia para atender “como merecen todas as mulleres vítimas de violencia machista”. Tamén promoverán a dinamización da Casa das Mulleres para convertela “nun motor de igualdade que tinga a cidade de lilá”.
“O Concello ten un enorme potencial para despregar políticas que aposten pola igualdade efectiva e real confrontando o machismo en todas as súas dimensións”. Emporiso, Igrexas defendeu como “imprescindíbel que o BNG regrese con forza ao Concello” para comezar a traballar na promoción da igualdade, na transversalidade das políticas, na promoción no ámbito da vida económica e no emprego, na loita contra a violencia, ou no respecto á diversidade.
“O Bloque queremos volver facer que Vigo sexa un referente en políticas de igualdade, como foi no pasado con políticas punteiras en Galiza e no Estado, pero para iso é necesario dotar máis medios e actuacións concretas no ámbito da sensibilización, da educación pero sobre todo, na atención das mulleres”, acrecentou o Igrexas.
Barrios e parroquias
O candidato nacionalista participará esta tarde, a partir das 19h, nun acto público en Teis, no que trasladará a veciñanza o compromiso do Bloque con “atender toda a cidade e non só o centro do casco urbano”. Igrexas debullará en Teis algunhas das súas principais propostas en materia de participación social e transporte urbano, coas que se propón volver “revolucionar en positivo a cidade”.