O BNG aposta polo pequeno comercio local e de proximidade para dinamizar os barrios e vertebrar a cidade
“Lamentamos que a única medida en materia de política comercial do actual goberno municipal sexan 9 millóns de euros en luces led en nadal”, apuntou o candidato nacionalista á alcaldía, Xabier P. Igrexas
O Bloque propón unha moratoria por dez anos nas concesións de novas licenzas para grandes superficies, promocionar e modernizar os mercados municipais ou poñer en marcha campañas de promoción do consumo de produtos locais e de proximidade.
O BNG realizou unha visita o mercado do Progreso para trasladar o seu apoio aos comerciantes, con medidas que potencien o pequeno e mediano comercio e apostando polo produto local e de proximidade. Xabier P. Igrexas, candidato á alcaldía, e Ana Miranda, candidata ao Parlamento Europeo, recorreron os postos do mercado onde o sentir común que lle trasladaron os comerciantes aos candidatos foi o de total abandono por parte da corporación municipal.
“O BNG facemos unha aposta clara polo mediano e pequeno comercio que é o que dinamiza os nosos barrios e o que vertebra a nosa cidade”, explicou Xabier P. Igrexas. E lamentou que a única medida que ten despregado o Concello de Vigo en materia de política comercial sexa “instalar 9 millóns de luces leds en nadal”. Para o candidato é necesario que “o Concello se implique en apostar de maneira decidida o mediano e o pequeno comercio”.
Para iso propón medidas concretas como a declaración da cidade como zona saturada de grandes áreas comerciais: ”Nunha cidade que está saturada de grandes centros comerciais a primeira medida que hai que adoptar é a de aplicar unha moratoria de 10 anos para evitar a instalación de novos macrocentros que non só non xeran emprego nin incrementan o tecido comercial, senón que o que fan é desertizar o comercio de proximidade”, acrecenta Igrexas.
Neste sentido, o candidato nacionalista pide aprender da experiencia do que ten acontecido noutras cidades para non caer nos mesmo erros. “O que necesita Vigo é poñer en valor o seu pequeno e mediano comercio e non construír novas áreas comerciais que arruínen os nosos comerciantes e os conduza ao peche”. Igrexas propón despregar campañas continuadas durante todo o ano, así como a posta en marcha dun portal municipal que sirva para dinamizar o tecido comercial e despregar ferramentas tecnolóxicas para competir fronte ao comercio electrónico.
Aposta polos mercados
Outro dos eixos da proposta comercial do Bloque é revitalizar os mercados da cidade, seguindo o modelo iniciado coa remodelación do Progreso. “Os mercados da nosa cidade teñen que ser un elemento fundamental, central, do noso modelo comercial, e para iso o Concello ten que implicarse potenciando o consumo do produto local e de proximidade. Lamentabelmente nos últimos anos non houbo unha verdadeira política de promoción que desenvolvese as enormes potencialidades dos nosos mercados”, denunciou.
Por outra parte, Igrexas defende a necesidade de revisar a fiscalidade municipal do pequeno comercio, reducindo as taxas e impostos municipais para adecualos á realidade do sector. “Non pode ser que os impostos municipais supoña un maior esforzo para o pequeno comercio que para as grandes áreas”, resumiu. Tamén se amosou partidario de revisar as condicións das concesións de postos nos mercados e os seus cánons anuais que nalgúns casos son abusivos.