O Bloque comprométese a facer valer Vigo no Congreso a partir do 10N

rolda02
O candidato número dous pola circunscrición de Pontevedra ao Congreso, o vigués Xesús L. Carreira, apela a “sumar en positivo co BNG fronte ao fracaso das forzas políticas estatais”.
Xabier P. Igrexas: “Chamamos as viguesas e os vigueses a votar BNG o 10N para facer que Galiza recupere voz e voto en Madrid. Coa forza de Vigo lograremos poñer fin a estes anos de silenciamento”.
O Bloque comprométese a facer valer Vigo no Congreso a partir do 10N

O Bloque Nacionalista Galego comprometeuse a facer valer a cidade de Vigo no Congreso a partir do 10N. Así o asegurou o candidato número dous pola circunscrición de Pontevedra, o vigués Xesús L.Carreira, que compareceu esta mañá en rolda de prensa canda a ex deputada e candidata, Olaia Fernández Davila, e mais o portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas. 

Carreira apelou a “sumar en positivo co BNG fronte ao fracaso das forzas políticas estatais”, criticando que nos últimos catro anos se teñan realizado catro eleccións e que se mantivesen practicamente intactas as reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións, a LOMCE ou a Lei Mordaza.

rolda01Aliás, o candidato nacionalista denunciou a “total invisibilidade” de Galiza na axenda política española por causa de carecer o noso País dunha representación “de seu, soberana e sen máis subordinación nin dependencia que aos intereses dos galegos e das galegas”. Nese sentido, o exconcelleiro en Vigo, puxo en valor que a candidatura do Bloque é unha “candidatura de País” e a única “netamente galega na súa práctica”, e reivindicou a traxectoria do BNG nas cortes españolas.

Acabar co abandono de Vigo

Pola súa parte, o portavoz municipal do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, criticou a “farsa” na que volven incorrer as forzas estatais ao falar das necesidades de Vigo. “Vemos dun lado a quen quere presentar a Pedro Sánchez como o presidente que máis fixo por Vigo malia non ter feito practicamente nada, e doutro a quen até hai nada calaba os incumprimentos dos seus gobernos en Madrid con Vigo e con Galiza esixir o que antes non pedían”, manifestou en alusión aos dirixentes locais de PSOE e PP.

“A defensa de Vigo non pode estar condicionada pola cor política de quen ocupa a Moncloa”, reclamou, comprometendo que “o BNG sempre defendeu os intereses desta cidade gobernase quen gobernase e volveremos facelo”. O edil nacionalista afeou tamén o que cualificou de “propaganda e fume” por parte do PSOE en relación ao tratamento que recibe a principal cidade de Galiza por parte do Goberno do Estado. “O compromiso con Vigo non son nin fotos, nin declaracións, nin convenios de papel mollado. O compromiso con Vigo onde se tiña que demostrar era no BOE, e estes anos vimos que cos gobernos do PP e do PSOE a cidade ficou desatendida”, remachou.

Igrexas enumerou algunhas das cuestións de cidade que foron “reiteradamente ignoradas” polo executivo español. Entre outras citou a non prolongación da A52, a falla de conexión ferroviaria do porto de Vigo coa Plisan, que non se apostase por desenvolver o potencial de Peinador -con mellores accesos e cunha área loxística-, a falla de investimento para completar a rexeneración integral da Ría ou a “eterna tomadura de pelo” cos prazos de chegada do AVE ou a inexistencia de vontade para poñer en marcha a saída Sur que conecte a cidade con Portugal. 

Aliás, denunciou a “deliberada inacción” diante da grave crise laboral e produtiva que vive a cidade e a súa área. A este respeito, Igrexas asegurou que “co BNG de novo no Congreso haberá dunha vez por todas unha voz firme para esixir que se declare a construción naval sector estratéxico, para poder despregar a necesaria intervención pública que garanta a súa continuidade, ou a posta en marcha dunha tarifa eléctrica industrial galega que, como xa sucede en Euskadi, permita ao noso tecido produtivo competir con menores custes enerxéticos e non a costa de baixos salarios e precariedade”.

O concelleiro do Bloque subliñou que a experiencia histórica acredita que “cada vez que o BNG tivo un voto determinante no Congreso logramos obrigar o Goberno español a investir máis en Vigo e en Galiza”, citando por exemplo a EDAR do Lagares ou o aumento das partidas destinadas ao AVE que fican “conxeladas desde a perda do escano do BNG en Madrid”. Igrexas contrastou ese compromiso “real e non de palabra” das nacionalistas co feito de que PSOE e Unidas Podemos quixesen aprobar uns orzamentos xerais do Estado que lle quitaban a Galiza “2 de cada 10 euros de investimento”.

Chamamento ao voto

Tomando como referencia os inquéritos que coinciden en sinalar as opcións reais de que o BNG logre representación na cámara baixa, Igrexas fixo un chamamento explícito ás viguesas e vigueses a facer posíbel que a presenza do BNG sexa decisiva. “Se as viguesas e os vigueses suman os seus votos no BNG non só garantiremos que Vigo e Galiza volvan ter voz propia no Congreso senón que podemos lograr que sexa máis dunha voz”, enfatizou aludindo á posibilidade obter tamén un escano pola circunscrición de Pontevedra, para o que os votos da cidade serán “decisivos”. 

O Bloque comprométese a facer valer Vigo no Congreso a partir do 10N