Adán defende no Parlamento unha moratoria para concesión de licenzas a novas áreas comerciais

Adán defende no Parlamento unha moratoria para concesión de licenzas a novas áreas comerciais

O BNG rexeita á construción de Porto Cabral en Vigo e salienta o aumento da desocupación nos grandes centros existentes

A deputada nacionalista Carme Adán defendeu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento galego a aprobación dunha moratoria para a concesión de licenzas para a concesión de licenzas que permitan a apertura de novos centros comerciais en Galiza. Por outro lado, expresou a oposición do BNG á construción do proxecto Porto Cabral, que pretende construír o fondo de investimento Eurofund en Vigo.

“O BNG oponse á construción de Porto Cabral por unha cuestión medioambiental, pero sobre todo porque cómpre potenciar o pequeno comercio, o comercio que crea cidade, e o emprego de calidade”, destacou Carme Adán na súa intervención. Considerou incuestionable que os marcrocentros comerciais prexudican ao pequeno e mediano comercio local.

Nesta liña a deputada nacionalista explicou que no ano 2007, os centros comerciais vigueses rozaban unha ocupación do 100%, mentres que no 2012, tras cinco anos de crise, a desocupación aumentou notablemente. Así, sinalou que se ben os centros comerciais Gran Vía e A Laxe a desocupación ronda o 10%, no Travesía sube até o 20%, no Camelias chega ao 40% e na Praza Elíptica acada o 50%, tendo en conta que estes dous últimos está ubicados no centro da cidade.

Carme Adán sinalou asemade que nestas áreas comerciais precisamente os estabelecementos que manteñen as vendas son os correspondentes ás grandes cadeas “mentres caen de xeito dramático as vendas de minoristas”.

Peche de 17.000 estabelecementos

Segundo explicou a deputada nacionalista, en Galiza pecharon arredor de 17.000 estabelecementos, o cal supuxo unha destrución de 43.000 empregos neste ámbito. “En Vigo os propios sectores falan de de peche masivo nos anos 2010, 2011 e 2012, con máis de 5.000 postos de traballo destruídos” salientou Carme Adán.

“Non ten sentido falar de abrir ningún centro comercial en Vigo nin en Galiza”, defendeu a deputada do BNG, senón que subliñou a pertinencia de aprobar unha moratoria na concesión de novas licenzas.

Plan sectorial de equipamentos

Por outro lado, Carme Adán salientou a necesidade de elaborar un plan sectorial dos equipamentos comerciais na Galiza, de xeito que permita ordenar a oferta comercial e a defensa do comercio de proximidade e coñecer a ocupación de todas as áreas comerciais que existen.

Asegurou a deputada nacionalista que a luz destas actuacións “desbotaremos calquera posibilidade de instalar un centro comercial en Cabral”. Segundo explicou o modelo de ocio e comercio que ofrece “está en desuso e practicamente fracasado” e cómpre respectar o resultado da votación dos comuneiros “que mostraron libremente a súa vontade ao respecto”.

Pódese ver a intervención da deputada do Bloque no seguinte enlace:

http://www.youtube.com/watch?v=S2_4iCCQuhI

Adán defende no Parlamento unha moratoria para concesión de licenzas a novas áreas comerciais