Iolanda Veloso: Os feitos demostran que os problemas de Peinador son o goberno do Estado e a Xunta"
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, preguntada polo fracaso do concurso municipal de axudas a aeroliñas, destacou que o tempo e os feitos dan a razón ao BNG. Segundo destacou, este feito demostra que as axudas públicas non son o problema de Peinador, senón a falta de interese do goberno do Estado e da Xunta.
Iolanda Veloso lembrou o continuo debate sobre se había que destinar cartos dos orzamentos municipais a empresas privadas como as aeroliñas, posibilidade sempre rexeitada polo BNG, ao entender que este non é o cometido no que deben gastarse os cartos do Concello. Sempre defendimos que os cartos públicos son para axudar ás persoas, en especial ás que peor o están pasando debido as políticas crueis do PP, subliñou.
Segundo destacou a voceira municipal do BNG, o problema de Peinador radica en que se trata dun aeroporto polo que non están apostando nin o goberno do Estado nin o da Xunta, posto que a infraestrutura aeroportuaria depende de Aena, mentres que a coordinación entre os tres aeroportos galegos corresponde da Xunta de Galiza.
Para Iolanda Veloso, á ministra de Fomento non lle importan en absoluto o que aconteza co aeroporto de Vigo, pese as súas declaracións asegurando que desde o ministerio potenciará Peinador e destacando a importancia do traballo entre as diferentes administracións. Os feitos demostran que isto non é así, subliñou.