Adán: O PP é absolutamente insensíbel: cébase especialmente con quen menos ten
A candidata número 2 do BNG por Pontevedra, Carme Adán, criticou este venres as políticas sociais do PP, porque presionan ás familias con menos recursos, como no caso da subida do IVE ou na retirada de parte das axudas para Foanpas, que implican a baixada de axudas para os comedores escolares por parte da Xunta. O PP é absolutamente insensíbel: cébase especialmente con quen menos ten, defendeu Adán nun encontro que celebrou esta mañá coa veciñanza de Candeán.
Fronte ao programa de recortes e do divide e vencerás do PP, nós defendemos os nosos sectores produtivos e que o voto nacionalista e de esquerdas se concentre no BNG, asegurou a candidata nacionalista. Segundo salientou Carme Adán, o Bloque é a única forza política que presenta políticas alternativas as que defende Feijóo.
Neste sentido explicou que o BNG propón que Galiza conte cunha banca pública. Nós necesitamos unha banca pública que permita que as nosas pequenas e medianas industrias teñan financiamento, dixo. Ademais Adán sinalou que Galiza precisa outro concerto económico porque cada vez Galiza xoga menos en primeira división, dixo en referencia a que Cataluña e Euskadi manteñen seus sectores produtivos.
Tributar en Galiza
Galiza ten un problema: non recada os tributos de empresas de aquí pero pagan os seus impostos en Madrid, apuntou. Nun repaso polos diferentes sectores produtivos indicou que resulta imprescindible que a partir do 21 de outubro Galiza teña un goberno que aposte polo sector primario, en especial pola pesca, así como polo sector naval.
Segundo asegurou Carme Adán, no goberno do PP non existiu política industrial ao longo destes tres anos e medio, e ao seu xuízo, boa proba diso é que o propio conselleiro de Industria fabrica en Portugal, co único obxectivo de buscar salarios máis baixos. Nesta liña criticou as condicións laborais dos traballadores e traballadoras contratados pola UTE do novo hospital de Vigo. Ademais de triplicar o custe inicial, recortar as instalacións sanitarias e reducir a calidade sanitaria, a política do PP provoca a precariedade laboral, criticou a nacionalista.
Ao respecto, o concelleiro Xabier Alonso asegurou que o BNG é a única forza política con propostas económicas e políticas de apoio aos sectores produtivos galegos, así como unha postura clara contra os recortes laborais.