Aymerich: Cómpre volver a converter as oficinas de rexistro en liquidadoras mantendo o emprego"
Carlos Aymerich, cabeza de lista BNG por Pontevedra, expresou o compromiso do Bloque para volver a converter, a partir do 21 de outubro, as oficinas de rexistro en oficinas liquidadoras a todos os efectos, mantendo todos os postos de traballo. Denunciou que a eliminación destas oficinas que pretende o PP supón a supresión de 140 empregos e, polo tanto, unha merma da calidade do servizo.
Tras a xuntanza que mantivo con traballadores e traballadoras destas oficinas, o candidato nacionalista explicou que o PP quere suprimir os actuais convenios cos rexistros da propiedade para a liquidación dos impostos cedidos, como sucesión, doazóns e transmisións.
Aymerich alertou de que esta decisión implica a eliminación de 140 postos de traballo e a obriga para os e as contribuíntes a realizar as súas xestiós tributarias nas capitais de provincia. Comprobamos como a falsa austeridade de Feijóo implica a destrución de emprego e afastar os servizos públicos da cidadanía, especialmente no medio rural, salientou.
Falsa austeridade
O candidato nacionalista alertou de que se as xestións tributarias que se fan nas oficinas liquidadoras do rexistro de propiedade pasan a facerse exclusivamente nas capitais provinciais, o suposto aforro da administración convértese en máis gasto para a xente.
Segundo destacou o cabeza de lista por Pontevedra, a eliminación destas oficinas afectará negativamente á calidade da administración tributaria, tanto en termos de tempo como de eficacia recadatoria.