O BNG reclama a mellora de barrios e parroquias para mellorar a calidade de vida da cidadanía
O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, demandou ao goberno local que acometa actuacións nos barrios e parroquias da cidade para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas. Por outro lado, criticou a hipocresía da Xunta ao rebaixar as axudas para as becas escolares e facerse fotos no Banco de Alimentos.
Diante do anuncio de novas humanizacións por parte do goberno municipal, que non son novas posto que xa se contemplaban nos orzamentos, quero salientar que é importante que o goberno local tamén atenda o adecentemento de zonas de uso común nos barrios e parroquias máis alá das grandiosas humanizacións que non solucionan os problemas de habitabilidade, explicou o nacionalista.
Santi Domínguez criticou que mentres se fan fotos das humanizacións asistimos a queixas da veciñanza, relacionadas co non asfaltado de camiños, a non correción de múltiples deficiencias ou a falta de limpeza dos parques, tal e como teñen denunciado dende hai meses.
Mentres anuncian obras e lavados de cara, deixan sen atender pequenas necesidades da veciñanza, salienta o portavoz municipal do BNG, para que esas necesidades deben ser atendidas polo goberno local de inmediato. Neste sentido Santi Domínguez anunciou que o Bloque remitirá semanalmente ao goberno local o listado deficiencias referidas ao mantemento dos barrios e as parroquias de Vigo.
Como claro exemplo desta situación o nacionalista mencionou a praza do Emigrante, no inicio da avenida de Castelao, na que moitos dos nosos maiores se reúnen ao carón do parque soportando innumerables charcos que se forman ante a impasibilidade do goberno local.
Santi Domínguez salientou que o Casco Vello constitúe outro exemplo da inacción do goberno da cidade. Neste caso lembrou que a súa falta de mantemento xa foi denunciado hai meses polo BNG e aínda hoxe pódese comprobar que siguen se limparse zonas que foron humanizadas e postas en valor en anos anteriores, destacou. Ao respecto afirmou que o BNG estará moi atento a estas deficiencias nos distintos barrios para esixir ao goberno local que os solucione.
Recorte da Xunta nas becas escolares
Por outro lado, Santi Domínguez, en nome do BNG de Vigo, expresou a máis absoluta condea polos recortes que a Xunta encabezada polo señor Feijóo vén de aplicar nos comedores escolares. Unha vez máis ponse de manifesto que a prioridade de Feijóo non son as persoas, lamentou.
O nacionalista salientou que diante do informe feito público por Unicef, que pon de manifesto a existencia de nenos e nenas que pasan fame no noso país, é unha absoluta irresponsabilidade recortar en algo tan elemental como dar de comer aos nosos nenos e nenas.
Menuda hipocresía presenciar a visita de altos cargos do PP ao Banco de Alimentos e despois facer políticas para que só poidan comer nos comedores aqueles rapaces que o poidan permitir, comentou. Neste sentido asegurou que o BNG non permitirá que quede ningún neno da cidade sen becas escolares. Esta ten que ser unha das prioridades do goberno local, afirmou.