Bará asegura en Vigo que o 18F “hai partido” e chama “a saír a pelexar cada voto ao PP para empezar un tempo novo en Galiza”
O cabeza de lista do Bloque, de xira pola provincia, mantivo hoxe un encontro con representantes do Bloque en Vigo para organizar a campaña, que terá máis de 100 actos principais
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra Luís Bará asegurou hoxe en Vigo que o vindeiro 18F “hai partido” e chamou á formación nacionalista “a saír a por todas e pelexar cada voto ao PP para empezar un tempo novo en Galiza co Bloque á fronte da Xunta de Galiza”.
O nacionalista así o asegurou na tarde de hoxe nun encontro de traballo para programar a campaña electoral con representantes do Bloque en Vigo, entre os que se atopaban o voceiro municipal Xabier P. Igrexas, e as tamén candidatas Alexandra Fernández, Carmela González e Brais Ruanova, entre outros. O acto enmarcouse na xira que está a facer pola provincia nun percorrido de 300 quilómetros que incluíu paradas en Lalín, A Estrada, Pontecesures, Vilagarcía, Pontevedra, Bueu, Vilaboa, Tomiño e Mondariz Balneario, comezando ás oito da maña e pechando a axenda máis de doce horas despois.
Bará destacou que será unha campaña ilusionante, mobilizadora, con máis actos e reunións ca nunca percorrendo a provincia. Subliñou que contará coa implicación de toda a organización “casa por casa e porta a porta” para conseguir “un resultado histórico”, e que haberá máis de 100 actos de carácter principal –co cabeza de lista- na provincia, ademais do traballo local no ámbito vigués.
O cabeza de lista do BNG destacou que desbancar ao PP da Xunta é posible porque hai unha maioría social que quere cambio, máis do 60% da poboación
Apuntou en que hai “unha grande oportunidade” porque “o BNG está co vento a favor porque medra, integra e chega a acordos, e o PP que vai a menos cun candidato gris e mediocre que non ilusiona, e porque a xente ve que hai desgoberno na sanidade, ensino, transporte, infraestruturas...”, asegurou.
Para o cabeza de lista as do 18F non son unhas eleccións calquera, senón “unha cita coa historia”, polo que é fundamental pelexar cada voto das persoas que quere cambio, “buscalos debaixo das pedras e concentralos no BNG”, xa que o vindeiro goberno da Xunta ao seu entender vaise decidir por moi poucos votos. Lembrou, de feito, que nas eleccións galegas do 2020 o PP conseguiu o último deputado en tres provincias, na de Pontevedra por concreto, só por 96 votos.
“Pensade o importante que é o que fagamos cada un de nós. Hai un gran ambiente, non hai que ser conformistas, hai saír a por todas. Dende aquí ata alá hai pelexar cada voto porque estamos en condicións de gañar cada voto ao PP”, subliñou, para engadir que a decisión da poboación estará entre votar a unha Ana Pontón ilusionante que promete mellorar Galiza ou un Alfonso Rueda cun proxecto rutineiro e esgotado que deixa un legado desastroso para o país.
Durante todo o percorrido pola provincia no día de hoxe, Bará pediu o apoio da cidadanía para un cambio na Xunta e conseguir a “mellor Galiza”. Insistiu en que estas son as eleccións máis abertas en 14 anos e que o futuro goberno da Xunta decidirase por poucos votos, polo que chamou a concentrar no Bloque esa “corrente de cambio imparable” que se detecta na rúa.
“Ana Pontón é a candidata de todas as persoas que queren cambio, desa maioría plural e diversa”, subliñou, asegurando que “este é o momento do cambio. É o momento en Galiza porque podemos gañar ao Partido Popular se todas as persoas que queren cambio collen a papeleta do BNG, se non se perde nin un só voto”, insistiu.