O BNG compromete en Vigo unha nova política de vivenda pública para evitar casos como os da Privada Moderna
A fronte nacionalista demanda a cesión dos inmóbeis da Sareb para despregar un parque público de vivenda fronte á política de “brazos caídos” do PP durante 14 anos na Xunta
Alexandra Fernández: “Cun Goberno galego liderado por Ana Pontón faremos posíbel que acceder a unha vivenda deixe de ser un luxo para miles de galegos e galegas”
Xabier P. Igrexas: “É inaceptábel que en Vigo, cuns prezos imposíbeis para a maioría social, teñamos 42 vivendas de titularidade pública tapiadas como na Privada Moderna”
O Bloque Nacionalista Galego compromete unha nova política de vivenda pública para evitar casos como os da Privada Moderna. Así o trasladaron a candidata número 3 do Bloque, Alexandra Fernández, xunto co portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, que apoiaron este xoves a concentración convocada polo foro socioeducativo Os Ninguéns para denunciar a situación de “acoso inmobiliario” por parte da Sareb a seis familias de baixos recursos no barrio do Calvario.
Fernández asegurou que este caso é un exemplo claro da ausencia de actuacións públicas pola vivenda, polo que defendeu a necesidade dun xiro radical da política de “brazos caídos” do PP durante os últimos 14 anos ao fronte da Xunta de Galiza. “Cun Goberno galego liderado por Ana Pontón faremos posíbel que acceder a unha vivenda deixe de ser un luxo para miles de galegos e galegas”, apostou a candidata nacionalista, quen considerou que é “o momento” de dar resposta a unha das principais preocupacións sociais como a vivenda.
Dende o Bloque demandaron nese sentido a cesión dos inmóbeis da Sareb, con participación maioritaria do Estado, para incorporalos nun verdadeiro parque público de vivenda. “É unha cuestión de vontade política”, afirmou Fernández, quen afeou que o Goberno de Rueda se teña “posto do lado dos intereses privados” do chamado ‘banco malo’ e non dos intereses públicos que, a xuízo das nacionalistas, teñen que primar na xestión desta entidade.
Nesa liña, denunciou a “agresividade” da Sareb coa persoas inquilinas, como demostra o caso veciñas e veciños da Privada Moderna, sometidas durante 6 anos a presións por parte da entidade para abandonar as vivendas, sen garantir a súa habitabilidade e seguridade para declarar a situación de ruína no inmóbel. “Cómpre lembrar que a Sareb foi unha auténtica estafa pola cal se fixo un transvasamento inxente de recursos públicos para salvar ás entidades financeiras”, subliñou a candidata do BNG.
Vivenda pública fronte aos prezos imposíbeis
“Privada Moderna evidencia a falla de políticas pública de vivenda por parte das diferentes administacións”, cuestionou pola súa banda o portavoz municipal do BNG. “Nunha cidade como Vigo, que ten uns prezos da vivenda imposíbeis para a maioría social e nun barrio como o do Calvario que é unha das zonas máis tensionadas, é inaceptábel que teñamos 42 vivendas que son titularidade pública tapiadas”, reprochou en relación aos inmóbeis desocupados nesta urbanización.
Igrexas criticou que os Gobernos municipal, galego e español teñan “virado as costas” a estas familias durante anos, a pesar das numerosas iniciativas do BNG no Concello, no Parlamento galego e no Congreso para denunciar o comportamento de “acoso inmobiliario máis propio dun fondo voitre” por parte da Sareb.
Sobre o Goberno de Abel Caballero, lamentou que o Concello de Vigo rexeitara reiteradamente levar a cabo a execución subsidiaria das obras urxentes, diante dos danos nas vivendas que o ‘banco malo’ se nega a arranxar, así como que impuxera sancións por importes “ridículos” ante este abandono. “Temos a persoas que neste momento non poden habitar a vivenda que teñen alugada porque lle chove literalmente dentro da mesma”, dixo.
O portavoz municipal trasladou o compromiso “firme” do Bloque para, a partir das eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro, poñer en marcha unha “verdadeira política de vivenda”, co impulso dun parque público que faga accesíbel este dereito fundamental nunha cidade como Vigo, onde os prezos dos alugueiros incrementaron até nun 50% na última década.