O Bloque demanda unha auditoría sobre o transporte público para coñecer a súa “situación real”

O Bloque demanda unha auditoría sobre o transporte público para coñecer a súa “situación real”

Iolanda Veloso critica que o BNG non recibiu contestación á pregunta presentada por rexistro sobre a reforma das liñas

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vigo, 12 de febreiro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, subliñou que a formación nacionalista reclama a realización dunha auditoría sobre o transporte público vigués co obxectivo de coñecer a súa “situación real”. Ademais de criticar a falta de información sobre a remodelación das liñas, a responsable nacionalista salientou que no caso de que o goberno diga que non se pode facer ese control “pedimos que se valore a remunicipalización do servizo”.

“Asistimos á informes contraditorios entre a concesionaria e o Concello sen que saibamos a situación real deste servizo”, sinalou Iolanda Veloso, quen afirmou que precisamente o BNG solicita a auditoría “porque queremos ter os datos reais e un control exhaustivo do servizo que está prestando a concesionaria”.

Sobre o déficit do que fala a concesionaria e o argumento do equilibrio económico-financeiro ao que apelan as empresa, a portavoz nacionalista sinalou que existe a ameaza de demanda ao Concello. “Non sería a primeira vez, xa que houbo unha que deu lugar a unha sentenza desestimatoria”, lembrou. Porén, destacou que no BNG “temos claro que é un servizo público”, de forma que “o que ten que primar é o interese da cidadanía e non o dunha empresa privada”.

Iolanda Veloso lembrou que a concesión é por 25 anos “polo que mentres non se cambien as condicións dese servizo non hai ningún dereito da concesionaria a esixir compensacións”. Afondando nesta cuestión manifestou que para o BNG é fundamental a prestación do servizo “en condicións”, polo que rexeita a “especie de chantaxe” que se sucede todos os anos e as diversas interpretacións das fórmulas polinómicas que se utilizan para calcular a achega do Concello.

A portavoz municipal do BNG alertou de que se chegará o fin da concesión sen saber se realmente hai déficit, cal é o número real de pasaxeiros ou canto custa a prestación dun servizo que segundo denunciou “cada vez é peor”. “Vaise prorrogar o contrato ou vai saír nas mesmas condicións”, preguntou.

Reforma escurantista

“Solicitamos por rexistro o novo mapa de rutas e non o temos. Aínda non se nos contestou”, explicou Iolanda Veloso ás preguntas sobre a solicitude rexistrada a semana pasada sobre a remodelación das liñas. “Polo tanto non sabemos que liñas se amplían e cales se recortan”, sinalou.

A responsable nacionalista comentou que do que ía ser unha reforma transparente e con abundantes datos “non se nos dá información e ao final é unha remodelación escurantista”. Expresou a preocupación do Bloque perante esta falta de claridade do goberno local “vendo os precedentes”, en referencia á prórroga do contrato de Aqualia.

Preguntada sobre se o BNG esixirá nos orzamentos unha partida específica para a realización da auditoría, Iolanda Veloso recordou que o Bloque desde hai moito tempo reclamando a mellora do servizo de transporte público, polo que é unha cuestión que “vai moito máis aló da existencia dunha partida concreta”.

 

O Bloque demanda unha auditoría sobre o transporte público para coñecer a súa “situación real”