Iolanda Veloso: "A Plataforma SOS Sanidade Pública é exemplo da fronte común contra os recortes"

Iolanda Veloso: "A Plataforma SOS Sanidade Pública é exemplo da fronte común contra os recortes"

O Bloque subliña o seu total respaldo á manifestación convocada para o vindeiro día 13 e fai un chamamento á participación masiva da cidadanía

Vigo, 5 de febreiro de 2014.- A portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, en resposta aos medios sobre a xuntanza que terá lugar esta tarde sobre a sanidade, destacou que o BNG forma parte da plataforma SOS Sanidade Pública e amosou en repetidas ocasións o seu apoio ás reclamacións en defensa da sanidade pública, tanto por parte dos grupos municipais do Bloque como no Parlamento, así como o respaldo á manifestación do vindeiro día 13.

“Entendemos que o noso apoio á sanidade pública está máis que manifestado e que esta xuntanza ten outro fin”, salientou Iolanda Veloso, quen comentou que se solicitara ao alcalde engadir apoios á mobilización do vindeiro 13 de febreiro, “pero parece que moitos máis apoios non conseguiu”, apuntou.

A portavoz nacionalista asegurou que a Plataforma SOS Sanidade Pública é “exemplo de fronte común de distintas forzas da cidade para defender a sanidade a través de distintos colectivos”. Asemade salientou o gran poder da mobilización da cidadanía que acadan en cada protesta.

Iolanda Veloso lembrou que o BNG mantivo xa diversos encontros coa plataforma SOS Sanidade Pública, a última delas a semana pasada. Recordou asemade que o BNG ten dado múltiples mostras de apoio á plataforma a través de diversos comunicados e notas de prensa, polo que “entendemos que non é necesario explicitar máis a nosa posición”.

 

Iolanda Veloso: "A Plataforma SOS Sanidade Pública é exemplo da fronte común contra os recortes"