A portavoz do BNG subliña que o resultado da reunión mantida co alcalde sobre os orzamentos “é nulo”

A portavoz do BNG subliña que o resultado da reunión mantida co alcalde sobre os orzamentos “é nulo”

Iolanda Veloso afirma que as prioridades que defende o Bloque para Vigo son “absolutamente distintas” ás que consideran PSOE e PP

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vigo, 18 de febreiro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, deu conta da xuntanza que mantivo co alcalde de Vigo sobre a elaboración e tramitación dos orzamentos municipais de 2014 e afirmou que o resultado da xuntanza “é nulo”. Neste sentido criticou que o rexedor vigués non propuxera “nada máis do que xa saíu na prensa”.

“Nós hoxe falamos co alcalde porque durante os dous anos anteriores tivemos a vontade de mellorar os orzamentos priorizando emprego e servizos sociais”, subliñou Iolanda Veloso, quen lembrou que esta vontade de mellora das contas municipais deu lugar a emendas que foron aceptadas e aprobadas polo goberno local.

Porén, a voceira municipal recordou que ao pouco de aprobar os orzamentos o propio alcalde criticou as contas. “Isto xa nos demostrou que o goberno local non estaba conforme cos orzamentos que eles mesmos aprobaron en pleno”, salientou. Neste sentido indicou que houbo partidas que non se executaron “en forma”, como o plan de emprego ou o plan de compensación contra a crise; así como outros gastos que o BNG non considerou prioritarios, como o realizado en propaganda.

Incumprimentos plenarios

Iolanda Veloso referiuse tamén ao incumprimento dos acordos plenarios, como o bonobús para persoas sen recursos, “que foi aprobado polo goberno local e logo dixeron que non ían executalo”. Destacou que outros incumprimentos “xa teñen solera”, como a revisión da tarifa da auga, aprobada en pleno. “Todas estas cuestións déixannos nunha situación moi difícil, porque cando se chegan a acordos plenarios moi importantes para a cidade e non se cumpren non ten sentido elaborar e presentar emendas aos orzamentos”, asegurou, ao tempo que acusou ao goberno local manter unha “absoluta deslealdade aos acordos adoptados no pleno”.

Por outro lado, a portavoz nacionalista lembrou que mentres o pasado ano o BNG pediu a presentación do documento en xunta de goberno, este ano “non chegou a tempo e teriamos que telo visto no mes de outubro para que entrasen en vigor o 1 de xaneiro”. Segundo criticou, “o alcalde deu moitas voltas” antes de desgranalo nos medios e remitilo aos grupos municipais.

Corrección de precedentes

“Nós necesitamos a modificación desta actitude e a corrección de todos estes precedentes para debater os orzamentos”, asegurou Iolanda Veloso. Ao respecto, explicou que o alcalde non está en disposición de modificar estas circunstancias, “polo que nos pecha a vía para negociar, igual que xa fixo nas ordenanzas fiscais”, ao negarse a chegar a calquera tipo de acordo que as mellorara.

Segundo asegurou a voceira do Bloque sobre a xuntanza mantida esta mañá “temos claro que o alcalde nos convocou para non engadir absolutamente nada ao que xa saíu nos medios e sen cambiar as súas prioridades”. Iolanda Veloso lembrou que no primeiro momento deste mandato “dixemos que o noso apoio para que Abel Caballero fose alcalde non era un cheque en branco e seguimos manténdoo”.

Acordos PP-PSOE

Iolanda Veloso salientou que PSOE e PP prioirizan cuestións para Vigo “que para nós non son en absoluto prioritarias e nas que nós non estamos en absoluto de acordo”. Como exemplo citou que para o BNG é máis importante que todo os nenos que o precisen poidan comer nos comedores escolares que que haxa bolsas de inglés.

“Pero o PP xa apoiou ao PSOE na modificación orzamentaria a cambio de nada”, salientou a voceira nacionalista, lembrando que o PP aprobou as axudas ás compañías aéreas solicitando a baixada de impostos “que non se produciu”, puntualizou. Ao seu xuízo, “está claro que o PP está a favor de chegar a acordos a cambio de ningunha mellora para a cidadanía”.

A portavoz do BNG subliña que o resultado da reunión mantida co alcalde sobre os orzamentos “é nulo”