O Bloque denuncia a inacción do goberno local para evitar desafiuzamentos
O candidato do BNG ás eleccións municipais, Serafín Otero, lembra que no 2012 se aprobou crear unha oficina municipal para atender ás persoas afectadas, da que a día de hoxe nada se sabe
Vigo, 16 de xaneiro de 2015.- O candidato do Bloque ás vindeiras eleccións municipais, Serafín Otero, critica a falta de medidas do goberno local e da Xunta de Galiza para evitar que veciñas e veciños fiquen na rúa, sen casa, por non poder pagar. Para o nacionalista, esta inacción provocou o terrible aumento dos desafiuzamentos na nosa cidade, cifrado nun 10% nos últimos meses de 2014.
O aumento no número de desafiuzamentos durante o último trimestre do 2014 é un golpe de realidade para un goberno municipal que presume día si día tamén de que en Vigo ninguén perde a súa vivenda por non poder pagar a hipoteca ou o aluguer, subliñou Serafín Otero, para quen estas declaracións só demostran que o equipo de goberno vive ás costas dos problemas reais da xente
O candidato nacionalista considerou que o goberno de Caballero, ao igual que a Xunta, non puxo en marcha ningunha medida para os lanzamentos. A única medida política do alcalde en materia de vivenda foi facer do Concello unha axencia inmobiliaria malvendendo as vivendas públicas das que dispuña en lugar de poñelas ao servizo dos vigueses e viguesas que non teñen teito, denunciou.
Colapso dos servizos sociais
No BNG estamos convencidos de que algúns dos casos de desafiuzamento poderían terse evitado se os servizos sociais do Concello e da Xunta non ficasen colapsados e as axudas fosen suficientes, subliñou Otero, quen insta a Concello e Xunta a deixar de ollar cara outro lado e poñer en marcha con urxencia medidas que eviten que ningunha persoa fique sen acceso a unha vivenda digna.
Para Serafín Otero, outro exemplo claro da inacción do goberno local é o incumprimento das medidas acordadas por unanimidade en pleno en novembros de 2012, cando a corporación aprobou unha proposta do BNG que instaba ao goberno local a crear unha oficina de asesoramento para familias ameazadas polos desafiuzamentos, entre outras medidas.
Por variar, desta iniciativa nada se sabe, o cal demostra o desinterese de Caballero para solucionar os problemas reais da cidadanía, comentou o candidato nacionalista, quen instou ao goberno local a dotar aos servizos sociais do Concello dos medios necesarios para atender as necesidades dos veciños e veciñas de Vigo.